venres, 8 de marzo de 2013

Shin Chan si que fala galego, non coma outr@s...

Navegando pola rede dei de fociños co Canal de xosecotelo, moi recomendábel, por certo.
Para que vos acheguedes ao mesmo escollín o vídeo Shin Chan fala galego, que nos lembra o bo axente normalizador que era, non nos estraña que desaparecera da grella da TVG.


domingo, 3 de marzo de 2013

Se un parasito che come a lingua...

A fonte da ilustración, aquí.

... non te preocupes: seguirás vivindo igual.

Iso é o que pasa cando ti es peixe e o parasito en cuestión é o Cymothoa exigua.

Non sei se advertircho porque, á fin e ao cabo, non ten moita importancia:

O tal cymothoa metéseche na boca e zúgache a arteria que lle proporciona sangue á lingua, ata que a propia lingua queda atrofiada e acaba por esborrallarse.

En chegando a ese punto, o condenado do cymothoíño (cymothoíña para ben dicir, xa que, polo visto, a estas alturas xa é femia, se é que xa non o era antes) asume as funcións da túa  lingua e ti tan pancho. El (ela, máis ben) mantense co teu sangue e as túas mucosas, pero non lle toca ao teu alimento. Vamos, que te mantén vivo para que lle sirvas de despensa.

Neste vídeo (do que soubemos por Naukas) explícanche ben explicado este novo caso de glotofaxia:




[A verdade é que o crustáceo cymothoa aínda daría para un bo feixe de analoxías, alegorías e metáforas... A ver quen se anima!]