luns, 9 de decembro de 2013

Concurso Literario Mª Vitoria Taboada


O IES “Ramón Mª Aller Ulloa” convoca o I Concurso Literario “Mª Vitoria Taboada” de relato curto, microrrelato e poesía, dirixido ao alumnado de ensino secundario da Comarca de Deza.
Desde a lembranza tan cercana da súa presenza, este Concurso pretende render unha modesta homenaxe a unha persoa que como Vitoria, profesora que foi do IES Aller Ulloa, se dedicou de cheo á docencia.
Cartel: Sebas Rozas
Era a súa unha actitude de radical defensa do ensino público e da integral normalización do idioma galego. Profesional con maiúsculas, sempre se mantivo fiel as súas máis fondas conviccións, mais ante todo foi unha entrañábel e marabillosa compañeira. Ás veces a un dálle a corpo de a sentir polos corredores do Instituto, e é que a súa ausencia nótase e moito.
O premio, quizais sexa o de menos, o que importa é lembrala a ela, por iso engadimos algo máis agradecido que o logro material como son os parabéns, no seu nome.
Ánimo e a participar!
Para consultar a convocatoria coas bases premede aquí:
O cartel é obra do compañeiro Sebas que o fixo con moito cariño.


luns, 2 de decembro de 2013

Gallegofobia Spanish

 Estes últimos tampos estamos asistindo a unha feroz ofensiva contra a lingua galega. Lexíslase para marxinala, caso da LOMCE, presiónase economicamente para que non a uses, caso da negación de bolsas de estudo por "defecto" ao non estar as solicitudes en español ou inglés, como se este último idioma fora lingua oficial no Estado Español de España.

  Un acaba pensando que non nos queren tal como somos, senón como eles queren que sexamos. Tarde piache!!!

 Para saber máis preme nas novas:

"Cando o galego é unha escusa para negar unha bolsa de estudo"

"Un mínimo de 12 estudantes galeg@s ficaron sen bolsa pre-doutoral por razóns de idioma".

domingo, 3 de novembro de 2013

O Celta fala galego


O Celta promove o uso do idioma galego a través dun vídeo titulado O galego é de Primeira.
Xogadores celestes, así como o equipo técnico do club gravaron a prol da normalización da lingua galega dito vídeo, uníndose á campaña "Gústame o galego".
Parabéns a todos e que o espertar da lingua galega vaia parello ao espertar dun Celtiña campión.

martes, 8 de outubro de 2013

Nace Nós TV

   Unha nova canle Nós TV, que emite en galego toda a produción propia, nace co obxectivo de contarlles aos cidadáns "o que pasa no noso territorio". Así o afirman os seus promotores, mozos con espírito de servizo ao país e á súa lingua con lemas como: "Os galegos movémonos, móvete con Nós". "Comprometidos co rural, coas aldeas, cos lugares, coas parroquias". "Imos ser unha tele diferente, comprometida coa nosa terra". "Non queremos ser unha tele máis, unha máis do montón". Con sede en Lalín, esta nova canle é unha cadea local, mais como eles manifestan "con vocación autonómica", polo que o seu labor desenvolverase sobre todo nas comarcas de Deza, Tabeirós, Melide e Arzúa.
  Parabéns pola inciativa e a aposta decidida pola lingua galega. Adiante!

domingo, 8 de setembro de 2013

Oínk! A revista do Xabarín Club

  Xa está a venda a revista do Xabarín Club Oink!, a única dirixida a menores de  entre 6 e 15 anos. Moi necesaria para fomentar o uso da lingua galega entre os máis novos. Agardamos que teña unha longa vida.
Se queres máis información sobre a mesma, visita a web http://revistaoink.com/

mércores, 4 de setembro de 2013

Gustaríame crer..., por Carl Sagan e Gavin Aung Than


Traducir pequenos textos a galego non pasa de ser un gran de area na praia. Reclamar a fin da guerra non deixa de ser unha pinga de auga no oceano.

Poderiamos estar quietos, pero queremos seguir crendo que, gran a gran e pinga a pinga, aínda é posíbel.
 

O texto é de Carl Sagan, as ilustracións de Gavin Aung Than. Xa vos comentamos noutro sitio a nosa relación con este autor australiano. O propio Gavin refírese a Carl Sagan como "o profesor que nunca tivo" e explícanos a procedencia da cita que inspira esta BD: un artigo da revista Parade, de 1996, redactado desde o hospital, ás portas da morte (finou o 20 de decembro, dese ano).



Uploaded with ImageShack.us
 
 [A tradución é de Manuel Conde]

martes, 30 de xullo de 2013

Díaz Castro: o instante eterno.

Desde o pasado 21 de xullo, podemos ver o anticipo do documental que Xosé Antón Cascudo está a elaborar sobre Díaz Castro.

Son case dez minutos, durante os que podemos ver entrevistas, referencias ou documentos sobre o autor de Nimbos.


En Praza pública

domingo, 16 de xuño de 2013

Galicia xa ten o .gal

Parabéns a todas e a todos. Galicia xa ten dominio (.gal). O feito de facérmonos  un oco na internet ao lograr a plena identidade lingüística, cultural, histórica… supón un paso máis cara á normalización da nosa sociedade. Con todo deberemos agardar até principios de 2014 para a plena operatividade.



xoves, 13 de xuño de 2013

"Pico" in memoriam

Xosé Manuel Olveira "Pico" encetou a derradeira viaxe ás Illas. O marabilloso Sinbad citouse con don Álvaro Cunqueiro para relembrar andainas e darlle conta das novas sobre Galicia e a súa lingua. E precisamente no ano do teatro galego.
 Nós desde o aquén faremos todo o posible para manter viva a súa memoria, unha memoria que dignificou e dignifica a loita pola nosa identidade. De sempre ficará connosco como un dos abandeirados da normalización da lingua galega.


martes, 21 de maio de 2013

Entrega dos premios de relato curto e poesía

A Biblioteca do centro foi o espazo que acolleu a entrega dos premios de relato curto e poesía convocados polo Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua galega. Foi un acto modesto pero cheo de emotividade.
As galardoadas, Olimpia Elisa e Eva, recibiron os premios de mans da María Jesús Gracia, vicedirectora, e de Natalia Fernández, titora de 1º de Bacharelato B -grupo ao que pertence unha das premiadas-, ante un auditorio entregado á causa.
Olimpia Elisa Rivera Marcos recollendo o premio
Eva González Blanco co seu premio

xoves, 9 de maio de 2013

Gañadoras do concurso de relato curto e poesía organizado polo Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega

  Xa temos gañadoras do concurso de relato curto e poesía organizado polo Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega do IES Ramón Mª Aller Ulloa. A seguir podedes ler a acta do xurado do mesmo, así como os traballos que resultaron elixidos, acompañados duns breves e agudos comentarios das súas autoras.
  Parabéns as mesmas e ás e aos demais participantes.


         Acta:
Reunido o xurado, integrado por Lara Rodríguez Peña, Rocío Garnil Mella  e Santiago Serantes Blanco, todos os tres do Prácticum do Máster de Profesorado da USC, emite de maneira consensual, a seguinte resolución sobre o concurso literario de relato curto, microrrelato e poesía, convocado polo Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega do IES Ramón Mª Aller Ulloa:
PREMIO de POESÍA para EVELYN, polos poemas Memorias do esquecemento, Son de anguria e Metamorfose regresiva:
Que se corresponde con EVA GONZÁLEZ BLANCO de 1º de Bacharelato B.
PREMIO de RELATO CURTO para: CONFUSED DREAMER, polo relato O seu mellor e único amigo :
Que se corresponde con OLIMPIA ELISA RIVERA MARCOS de 2º de ESO C.



Lalín a 30 de abril de 2013
   Poemas gañadores:


Memorias do esquecemento
“Esta composición tenta expresar o baleiro que unha persoa pode hospedar na súa alma cando a razón da súa realidade fuxiu. Non hai motivos para saír a diante, todo ocorre lentamente envolto na monotonía e soidade, ese alguén déixase conducir sen rumbo por rúas, sen cavilar no seu porvir”.

Ceibou o reloxo a súa restra de badaladas
e o nono abelorio penduraba no seu interior.
Adondaba a derradeira galleta
na última cullerada de café,
no pouso da cunca.
Azucraba pouco a bebida, o doce
substituíao por edulcorante.
Apañou no cabo do sofá un xornal
de dous días atrás.
Unha gargallada escachante
racha o silencio do ambiente.
O aire da habitación recolleu o son
coma unha labazada.
Soérguese encol das escaleiras,
recordando a manifesta avidez vaidosa
satisfeita por el.
Cofeando recantos,
deixándose conducir e guiar por canles de volutas.
Memorias esquecidas entre verismos
dos cales non atenderá onte,
hoxe, mañá.
O seu sorriso vértese extenuado
polos currunchos da boca.
Relegaron á incerteza do alén
o compromiso de viable nacenza.



Son de anguria
“O poema expón a felicidade que comparten dous namorados así como o seu sentimento de culpabilidade por estar vivos e xuntos cando todo ao seu redor é morte e destrución”.

O fume fulguraba empapándoo todo,
colapsando o aire;
percorrendo os nosos alvéolos
deixando un rastro máis para a lembranza.
A aldea tiña unha banda sonora,
un baixo obstinato de estoupidos atroces,
ronsel de latexos do ceo,
ecoar de esplendor.
Resultado: soidade,
a hecatombe achégase ruxindo
entre a néboa silandeira
esparexendo veleno.
Mais o superfluo asedio
non chegaba a escurecer a nosa felicidade,
sorrisos afogados no meu peito
humedecidos por bágoas túas,
amando tanto a liberdade.
Inauditos saloucos pendurando
no compás da melodía desmesurada
ao lonxe, tan preto.
Esqueleto de ósos,
canceríxeno pasado.
Manto escuro e laso, noite,
a que nos envolve e nos garda,
que nos casa e nos fusiona.



Metamorfose regresiva
“No poema, o abandono marca os días, tras a noite sempre chega o día e con el os recordos dun tempo que foi feliz. Expresa a súa xa monótona dor, é mental e é física, sen bágoas que chorar e sempre cunha música de fondo: a da soidade”.

Evoco os versos do esquecemento,
baleiro o pensamento e
recordos non quedan xa.
O amencer chegou tras a noite.
Os raios de sol xogaron cos meus ollos
manchados de memorias bélicas.
Un rancor de gladíolos,
de semprevivas intempestivas.
Levamos connosco o peso dos días
que choveu sen ti.
O meu corazón semella
un armatoste inútil exposto ás inclemencias.
Cúbrome de anonimato veludo
admirando bicos acubillados no repouso
pensando no baleiro porvir.
Herdei a dor dun desleixo
que recobre de vermello o baleiro.
Doen as pálpebras de chorarte
con secas bágoas,
vivindo narcotizada non sinto dor xa.
No fondo do alén escóitase
unha bela e triste melodía
sen partituras e sen notas
falándome de que ti sofres
por quen por ti nada dá.
“A vida é a miña tortura e a morte será o meu descanso.”
Romeo e Xulieta.
Eva González Blanco (Evelyn). 1º Bacharelato

Relato gañador:
O seu mellor e único amigo
Aquel era un día frío de xaneiro, coma moitos outros, nunha cidade do norte de Galicia. Era luns. Só se vían polas rúas nenos indo cara a escola, con cara de sono e desilusión. Coma todos os días lectivos, ían andando tranquilamente un grupo de nenas. Eran Carla, María, Emma e Nerea. Catro alumnas de 2º da ESO, polo xeral estudosas, aínda que non sempre. Nuns dez minutos atopábanse xa entrando pola porta do instituto. O instituto, un lugar aburrido e horrible, para algúns, mentres que un paraíso para outros. Pasean as catro compañeiras xuntas polo corredor á vez que saúdan os distintos compañeiros e profesores. Soa o timbre, entran na clase e sentan nos seus pupitres. Mentres que o profesor pasa lista, algúns aproveitan para charlar e outros intentan copiar os deberes que o profesor mandara o día anterior. Cando o profesor remata de pasar lista, disponse a explicar a lección. Entón, María busca o seu libro de texto na mochila, pero non o encontra. Ela supón que lle quedou na casa. Coméntallo ao profesor e este indícalle que vaia ao armario do fondo da clase e colla un libro de texto. María levántase e diríxese alí. Os libros que hai no armario son todos do ano da pera... Colle un e volve sentar no seu pupitre. O primeiro que fai é sacudir o libro, xa que está cheo de po, mais cando o sacode, unha folla do seu interior cae ao chan.  Cóllea e obsérvaa, a folla ten unha cor amarelenta, e está bastante deteriorada. Asáltaa a curiosidade e comeza a ler un texto escrito nela. Está escrito cunha caligrafía un tanto rara, pero inda así enténdese bastante ben. Cando remata de lelo, queda abraiada. E entón, desexa que a clase acabe pronto, para contarlles ás súas amigas o que acababa de ler...
O agardado timbre soa por fin anunciando o recreo. Todos saen da clase rapidamente, excepto María. Ao ver que María non sae da clase, as súas amigas miran cara a ela e achéganse a ver que é o que ocorre. Entón, María comeza a contarlles o impactante texto, que atopara naquel vello libro de texto:
 “Ola, chámome Breixo Arteixo. Escribo esta nota para quen a queira ler, independentemente de quen sexa. Que por que a escribo? Non o sei. Para que? Tampouco. Quizais, sexa para dicir adeus. Adeus á escola, á miña vila. A todo. Non aguanto máis, dispóñome a marchar. E como despedida, deixo enterrado, no único lugar que me aceptan, o meu pequeno tesouro. É moi valioso. Se o encontras cóidao ben".
Todas quedan perplexas. Incrible, un tesouro! Pero... como atopalo?                                                                                               Despois de revisar algunhas páxinas do libro, atopan pegada nunha delas unha folla similar á outra. Desdóbrana e divisan un pequeno plano, co que supostamente se chega ao tesouro. Este dispón dunha serie de pistas. Entón, despois de falalo, María, Emma, Nerea e Carla acordan dedicar os recreos seguintes a atopar aquel valioso tesouro.                                                                                               
Pasa o tempo. Co paso dos días, van resolvendo os distintos enigmas, polo xeral sen palabras. Así ata que só lles queda un que se lles resiste e di o seguinte:
"Se pronuncias o meu nome desaparezo. No lugar onde me encontro atoparas a pista definitiva do tesouro".                               
Ao final, tras moito cavilar, conseguen achar a resposta. A solución é o silencio. A partir disto chegan á conclusión de que se atopa na biblioteca do instituto. Pero, en que parte dela? Por sorte, tras buscar nos arquivos de préstamos de libros, ven que Breixo leu unha gran porcentaxe de libros do gran Charles Dickens. Diríxense aos libros deste escritor e, efectivamente, alí encontran unha pequena nota que di:
"Noraboa! Podes considerarte bastante espelido ao lograr chegar ata aquí, non era doado! Ben, ao que iamos; o tesouro está soterrado no patio, xunto a un carballo. Agardo que che guste!".
Saen coma foguetes a onde indica a nota. Tan desesperadas están tras todo o esforzo que fixeron, que ata empezan a cavar coas mans. Nun instante, conseguen sacar unha pequena caixiña. Entusiasmadas, ábrena con moita ilusión. Para sorpresa súa, dentro hai unha pequena bolsa, e no seu interior unha especie de colección de colares e fotos dun can, moi bonito por certo. Tamén acompañados, como era de esperar, por unha nota, que contiña o seguinte:
"Algunha vez alguén lerá isto? Quen sabe, pero por se acaso, aí vai. Pode que este non sexa o tesouro que esperabades. Pero para min isto é moito máis valioso que calquera outra cousa. Sinto a desilusión. Mais cómpre que coidedes ben o meu pequeno tesouro, espero que alguén saiba valoralo como eu creo que se merece".
Uns días máis tarde do acontecido, navegando por internet, atopan algo que lles chama a atención. É unha foto un tanto antiga dun cartel, que tivera unha notoria difusión no seu tempo. Dicía:
"Breixo Arteixo, estudante de 14 anos de 2º ESO. Louro, de ollos azuis e miudiño. É listo, e moi bo estudante. Sufría acoso escolar dos seus compañeiros, debido aos seus altos coñecementos. Rogamos que se alguén o ve ou o atopa, que se poña en contacto co número 634521887
DESAPARECIDO dende a pasada semana, xusto un día despois de morrer o seu can, o seu mellor e único amigo”.
Olimpia Elisa Rivera Marcos (Confused Dreamer). 2º ESO

“O relato baséase en experiencias persoais ou naquelas que producen desagrado. A morte dun can de noso, que lle produciu a miña irmá un forte desgusto ou o feito da discriminación, que leva o protagonista a ter como único amigo precisamente a un can, serve de pretexto para argumentar arredor do acoso escolar, algo insufrible, pois non é lóxico nin xusto o feito de discriminar a compañeiros polo feito de estudar, ter unha forma de pensar diferente... Tamén é certo que, desde pequenos, debemos valorar como verdadeiros tesouros aquelas cousas que non se parecen para nada aos tesouros dos contos e das películas, por así dicilo. Certo é que un tesouro non ten porque ser un ben material, pode ser calquera elemento que nos faga felices. Por outro lado, as doses de intriga tentan enlear o lector no misterio do relato”.
Olimpia Elisa Rivera Marcos.  2º ESO



martes, 7 de maio de 2013

A xente do IES Ramón Mª Aller Ulloa co Correlingua 2013

O noso centro súmase ao lema do Correlingua 2013, O galego a chave do mundo, enviando unha potente representación a Silleda para reafirmármonos  no amor pola lingua galega.
Podedes consultar na web http://www.correlingua.org/ os pormenores do evento.

luns, 6 de maio de 2013

Anquanto la lhéngua fur cantada...


...este pobo nun se muorre.

Esa é a vontade do documental de João Botelho.

O idioma é a lhéngua mirandesa, a paisaxe é o planalto mirandés, o acordeón é o de Gabriel Gomes (ex-Madredeus) e a voz clara é a de Catarina Wallenstein.

Claro e limpo é tamén o "prólogo" do filme. Paga a pena demorarse no eloxio do bilingüismo que nel se fai. Paga a pena reflexionar sobre como as "bocas sucias" son capaces de manchar calquera palabra e como abonda unha voz limpa para devolverlle o brillo e o sentido.

Antes de velo, podedes ler a presentación do propio João Botelho:
"Anquanto La Lhéngua Fur Cantada, este pobo nun se muorre. Lhembra se me, de you nino, de  “remanses” cantados de puorta an puorta por ua tie cun boç de “falsete”, acumpanhada por un tiu de armónico, que ganhában la bida a bender cuontas ampremidas an papelicos de quelores. L Praino Mirandés, único an lhéngua i rico an giente, giografie i tradiçones que bénen de l ampeço de ls tiempos, ten ua riqueza musical sien acumparança. Porque nó atrabessá-lo cun la Catarina Wallenstein, c’un rostro de “Madona”, que canta cumo naide, acumpanhada pul stroudinairo armónico de Gabriel Gomes, cun cara de anjo, i atrás l burro “Atanor” de pelo grande i aburmelhado, purfeito eisemplar de l burro mirandés? Hai algue cousa mais quemuobiente do que la polifonie de ls cantadores de Almas de Sendim? Nunye berdade senhor Giacometti? L miu amigo Dr. Amadeu Ferreira quedará cuntento i cun el todos ls mirandeses a quien le dedico este pequeinho cinema.”


venres, 5 de abril de 2013

Festa da diversidade lingüística: Anirmau'13


O próximo luns celebrarase a sesión de apertura do Anirmau'13. Anirmau, o noso festival de cine de animación, chega á súa terceira edición "oficial". Antes organizaramos un par de edicións "domésticas".

Este ano dedícase por primeira vez ás longametraxes.

Anirmau proporciónanos moitas, moitas cousas. Algunhas non estaban previstas, outras -inicialmente contempladas como secundarias- adquiriron un carácter central. Entre as súas achegas, e desde logo non son as menores, están as lingüísticas:
  • Todas as películas son proxectadas no seu idioma orixinal
  • Todas as películas son subtituladas en galego.
A primeira cuestión obedece a un principio básico de respecto pola creación e de defensa da pluralidade lingüística. Dá gusto escoitar diferentes linguas! Dá gusto escoitar a "música" de cada lingua!

A segunda cuestión responde a unha necesidade comunicativa, pero tamén a un compromiso explícito co idioma. Resulta laborioso, pero reconfortante.

Ao longo deste anos pasaron polo Anirmau centos de filmes dos cinco continentes, subtitulamos todos os falados e iso significa que, posiblemente, estamos ante a maior iniciativa normalizadora, completamente altruísta, neste ámbito. E como ninguén nolo di, dicímolo nós... ou que demo!

venres, 8 de marzo de 2013

Shin Chan si que fala galego, non coma outr@s...

Navegando pola rede dei de fociños co Canal de xosecotelo, moi recomendábel, por certo.
Para que vos acheguedes ao mesmo escollín o vídeo Shin Chan fala galego, que nos lembra o bo axente normalizador que era, non nos estraña que desaparecera da grella da TVG.


domingo, 3 de marzo de 2013

Se un parasito che come a lingua...

A fonte da ilustración, aquí.

... non te preocupes: seguirás vivindo igual.

Iso é o que pasa cando ti es peixe e o parasito en cuestión é o Cymothoa exigua.

Non sei se advertircho porque, á fin e ao cabo, non ten moita importancia:

O tal cymothoa metéseche na boca e zúgache a arteria que lle proporciona sangue á lingua, ata que a propia lingua queda atrofiada e acaba por esborrallarse.

En chegando a ese punto, o condenado do cymothoíño (cymothoíña para ben dicir, xa que, polo visto, a estas alturas xa é femia, se é que xa non o era antes) asume as funcións da túa  lingua e ti tan pancho. El (ela, máis ben) mantense co teu sangue e as túas mucosas, pero non lle toca ao teu alimento. Vamos, que te mantén vivo para que lle sirvas de despensa.

Neste vídeo (do que soubemos por Naukas) explícanche ben explicado este novo caso de glotofaxia:




[A verdade é que o crustáceo cymothoa aínda daría para un bo feixe de analoxías, alegorías e metáforas... A ver quen se anima!]

martes, 26 de febreiro de 2013

P'ra ben comer


O CIRP, preséntanos un novo vocabulario específico: Dicionario de alimentación e restauración: galego, castelán, inglés. 

Son 329 páxinas que recollen arredor de 3000 conceptos, coas súas 3600 denominacións en galego, as súas 3700 equivalencias en castelán e 3500 en inglés, ademais de 320 nomes científicos. 

 Manuel González González coordinou o traballo e da redacción ocupáronse Inés Veiga Mateos, Sandra Romarís Hortas, María Jesús Paz Lema e Marta Duyos Míguez

Podédelo descargar desde aquí

Fonte da descarga: Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades

xoves, 21 de febreiro de 2013

Chíos de noso


Un paso adiante: o twitter xa está en galego (en fase de probas, pero vai). O mérito corresponde ao voluntariado e á asociación @tweet_en_galego.


O paso atrás: as institucións públicas... nin ausentes estiveron.

Máis información en:
Carta xeométrica
Tecnoloxía 
Praza Pública

  
Esta última explícanos como facer:
Para mudar a lingua abonda con entrar en settings e despois en account para cambiar en language para o galego. Hai que ter en conta que a versión en galego aínda está en beta. Polo tanto, pode haber erros e os termos poden ser aínda postos en discusión a través do Centro de Tradución. Dende agora Follow é SeguirTweet dise Chío, os Trends son Tendencias e cando un chío é repetido por un usuario dise que foi rechiado.


martes, 19 de febreiro de 2013

Primeiro Premio Urco de Relato Fantástico

Urco, editora pioneira na edición de literatura fantástica en lingua galega, convoca o I Premio Urco de Relato Fantástico, destinado ao alumnado de secundaria. 


Podedes consultar as bases no seguinte enderezo:
http://urcoeditora.blogaliza.org/

luns, 18 de febreiro de 2013

Erros e tánatos

Erros  e tánatos (1996) de Gonzalo Navaza é un dos libros de cabeceira do Departamento de Galego do noso instituto.

Mentres agardamos polo Encontro con Gonzalo, podedes ir botándolle unha ollada en PDF á guía de suxestións que A Marela Tarabela ben de tirar do prelo e que complementa aqueloutra edición sobre o cambio urbanístico de Lalín a partir do relato "O home do saco".


mércores, 13 de febreiro de 2013

Chamamento polo galego


Hoxe presentouse en Santiago o  'Chamamento cidadán polo galego' mediante o que se lle pide á Xunta que non leve o conflito do galego fóra de Galicia.

Nel, solicítase expresamente que o Goberno autonómico non presente o recurso perante o Tribunal Supremo, contra a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre o decreto do plurilingüismo.

Se te queres unir á iniciativa podes facelo a través deste Formulario de adhesión.

luns, 4 de febreiro de 2013

E desta vén unha ben boa nova...





E logo non? Un portal en galego, especializado en deporte! Trátase de Táboas, onde o deporte galego atopa o equilibrio e a súa aparición é unha boa nova que trae varias novas boas:

  • Evita o monocultivo futbilístico e defende a diversidade deportiva



O dito: benvidas, Táboas.

domingo, 3 de febreiro de 2013

Dadaísmo

Performance realizada por alumnado de 4º ESO A, que serve para nos achegar ao coñecemento do dadaísmo dun xeito lúdico, sinxelo e máis que correcto, e se non aí tedes a presentación do mesmo, centralizada na versión que Aidé, Andrea, Lisa, Sandra e Cristian fixeron do poema fónico "Karawane" de Hugo Ball.




venres, 25 de xaneiro de 2013

Con pouco máis de seis anos...

Nacera alá por decembro de 2006 e váisenos nestes principios do 2013. Era o último xornal impreso integramente editado en galego. Chamábase De luns a venres e distribuíase gratuitamente nas sete maiores cidades de Galiza.

A empresa editora , o grupo El Progreso, anuncia que o reconverte en semanal (con edición diaria na rede) e que ampliará os contidos:
 
"Aínda que o da periodicidade é o gran cambio nesta nova etapa do gratuíto galego, ben é certo que non é o único. De feito, o novo semanario será unha publicación con máis páxinas, máis tirada e novos contidos de produción propia, centrados sobre todo na análise, a reportaxe e a opinión, sen esquecer a súa vocación de servizo público a través de diferentes seccións e, sobre todo, mantendo o idioma galego como sinal de identidade, nunha clara aposta pola difusión da cultura de Galicia na sociedade." [ler a noticia completa]


Pode ser. Se cadra é. Pero xa son tantos os golpes que semellan non queren parar...

martes, 22 de xaneiro de 2013

Concurso literario de relato curto, microrrelato e poesía





O Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega do IES Ramón María Aller Ulloa convoca un concurso literario de relato curto, microrrelato e poesía que se rexerá polas seguintes bases:

1. Poderá concorrer a el todo o alumnado matriculado neste centro. Cada alumna ou alumno deberá presentar un único traballo, mais podendo concorrer nos tres apartados.
2. Os traballos presentados no apartado de relato curto han ter unha extensión máxima de tres folios e mínima dun folio e medio, en letra Arial 12 e a dobre espazo.
3. Os traballos presentados no apartado de microrrelato han ter unha extensión máxima de dez liñas e mínima de dúas liñas, en letra Arial 12 e a dobre espazo. Neste caso cada participante poderá presentar un máximo de tres microrrelatos.
4. Os traballos presentados no apartado de poesía deberán constar de tres poemas cunha extensión máxima por poema de 25 (vinte e cinco) versos ou dun folio, en letra Arial12 e a dobre espazo
3.- Deben estar escritos en lingua galega e respectar a normativa actual.
4.- Presentaranse por duplicado e asinados con pseudónimo, nun sobre aberto, coa lenda “Concurso Literario-EDL ”, no que se incluirá, ademais da(s) obra(s), outro sobre máis pequeno pechado no que se faga constar por fóra o mesmo pseudónimo co que se asinou e dentro o nome do autor ou autora e o curso ao que pertence.
5.- O prazo máximo de presentación é o 5 de abril de 2013.
6.- Os traballos entregaranse na Biblioteca do Instituto.
7.- Os traballos premiados quedarán a disposición do Centro.
8.- O xurado, composto por profesorado e alumnado do Centro, fará público o seu fallo, e este será inapelábel.
9. Os premiados recibirán un lote de libros e unha morea de parabéns.