domingo, 7 de outubro de 2012

Este ano 2012 conmemórase o centenario de Celso Emilio Ferreiro (Celanova 1912 - Vigo 1979).

Celso Emilio pasa por ser en Galicia o máximo representante da poesía social, privilexio que comparte con Gabriel Celaya e Blas de Otero no ámbito español, grazas ao elevado recoñecemento e mesmo popularidade que lle proporcionou a difusión de Longa noite de pedra, aspecto este que non debe ocultar a verdadeira dimensión de Celso Emilio vista a través de varias liñas temáticas:
 A liña social O eu solitario de O soño sulagado, que se amplificaba en solidario coa dor e o sufrimento dos demais, transfórmase en Longa noite de pedra nun NÓS. Neste segundo libro a solidariedade (ideoloxizada e socialista) remóntase e ábrese á reivindicación, á asunción da voz dos humildes. A liña de denuncia percorre varios planos. No plano máis xeral hai unha proclama e un desexo de liberdade, e por conseguinte unha denuncia da opresión. Nun plano máis inmediato, esa liberdade e esa opresión son concretadas nun tempo e nun espazo, tanto polo contexto sociopolítico en que foi escrito o libro, como por outros textos do mesmo. A opresión ten un suxeito –“aqueles que escriben a historia”, a clase de poder, os propietarios, a burguesía, e xa no tema nacional, España. Neste contexto os cantos á solidariedade universal e os poemas antibelicistas encádranse na súa ideoloxía antiburguesa, por canto a inxustiza e a guerra son vistos como produtos de poder. O obxecto directo da opresión é o pobo, “aqueles que sofren a historia” e con eles está a voz do poeta. Para eles proclama a súa esperanza. Son, precisamente, a esperanza e a identificación coa colectividade as que lle dan unha nova dimensión ao tempo coma tema poético.
 A liña satírica Esta liña complementa a chamada liña social. Os temas son similares, mais a forma e o ton cambian. A ironía, o sarcasmo, a burla, o humor marcan o poema. Neste caso a tensión emotiva decae, ou mellor dito, é substituída pola sátira, procedemento frecuente nos poemas do ciclo da emigración, como en Cemiterio privado, breves poemas, enxeñosos e con fin crítico.
 A liña intimista Orientada esta á dor e á angustia existencial. A dor relaciónase coa infancia perdida, co paso do tempo e co recordo das experiencias máis amargas, tamén coa mocidade que se esvaeceu devorada polas chamas da guerra; e á soidade e á morte. Con tintas menos sombrías, recupera esta liña en Onde o mundo se chama Celanova, poemario no cal adquire un papel relevante a poesía amorosa. A seguir ofrecémosvos unha serie de enlaces sobre Celso Emilio:
 http://celsoemilioferreiro.org/
http://gl.wikipedia.org/wiki/Celso_Emilio_Ferreiro
http://www.crtvg.es/crtvg/arquivo/categoria/celso-emilio-ferreiro
http://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=CelFerre&alias=Celso+Emilio+Ferreiro&solapa=biografia

Ningún comentario: