xoves, 20 de novembro de 2014

II Concurso literario Mª Vitoria Taboada


O Instituto Ramón Mª Aller Ulloa convoca o II Concurso literario Mª Vitoria Taboada de relato curto, microrrelato e poesía, dirixido ao alumnado de secundaria dos centros dezaos.
O cartel é de Sebas Anxo, compañeiro do Departamento de Artes Plásticas. Grazas Sebas. 

Aquí podedes consultar as bases:

-

venres, 31 de outubro de 2014

Encontros con Gonzalo Navaza

O ENDLG gusta de vos anunciar a presenza connosco de Gonzalo.

Ás once, estará na biblioteca para nos falar de Erros e tánatos e para nos achegar ao seu labor literario.


Á unha, no Salón Teatro, xuntarémonos os dous institutos de Lalín (e quen queira) para escoitalo falar sobre O matemático Rodríguez e celebrar o Día da ciencia en galego.



Tamén recuperaremos, na entrada do instituto a exposición  O home do saco, un percorrido pola transformación urbanística de Lalín, da man do relato de Erros e Tánatos.

sábado, 11 de outubro de 2014

Mapa Sociolingüístico do Centro (MSC-2014). Lingua inicial e habitual do alumnado.




Xa sen tempo, presentámosvos a actualización dos datos referidos á situación sociolingüísticado instituto que concretamos no Mapa Sociolingüístico do Centro (MSC-2014), elaborado polo ENDLG, o Departamento de Galego e a Biblioteca no que a lingua inicial e a lingua habitual (usos lingüísticos) do alumnado se referir. Os datos deberannos servir de base para a acción normalizadora.
A seguir podedes ver os gráficos resultantes do estudo:

 

Tamén lle podedes botar no issuu unha ollada á breve análise realizada



xoves, 25 de setembro de 2014

Mba'éichapa reiko


Pois iso, que como andas? Como estás?

Guarani mbo'esyry estado rembiapópe, ou o que vén sendo o mesmo: Guaraní comunicativo en la función pública é unha breve introdución ao guaraní: normas básicas e mensaxes elementais para irmos comezando.

Mirade a ver que vos parece:


 -

venres, 13 de xuño de 2014

O vídeo dos premios do Concurso "Mª Vitoria Taboada"


As alumnas de Cultura Audiovisual veñen de rematar, baixo a supervisión do profesor Sebas, a montaxe do documental sobre a entrega de premios do Concurso "Mª Vitoria Taboada".
De certo que fixeron un traballo de edición de moitos estalos.
Presentámosvos, pois, a síntese do acto que con esforozo e cariño prepararon para goce de todos na rede.


Só queda dárllelas grazas máis emotivas a todas as persoas que o fixeron posíbel e tamén ás que participaron no acto. Graciñas. Vémonos o curso que vén.

martes, 10 de xuño de 2014

O libro, un proxecto de Cultura Audiovisual

A tropa de Cultura Audiovisual (Bacharelato de Artes) vén de rematar a súa primeira curta de ficción, O libro. Agardamos que a estrea recolla parabéns a eito e a dereito. 
A carátula invita.


O guión e o caderno de rodaxe enganchan.

A película namora:


sábado, 7 de xuño de 2014

1º Concurso Mª Vitoria Taboada: textos premiados

Algúns dos premiados
Mentres agardamos polo libro impreso, podedes ler o traballo dos premiados en formato dixital. Igualmente estamos á espera da curta da gala e da montaxe fotográfica.


luns, 19 de maio de 2014

Ojoroner, nechanu dimurei, yabty bila, ñáhas, tû, ntin


Honduras é un territorio rico en linguas. Alí podemos oír falar en chortí, garífuna, isleño, miskito, pech, tawahka,  tolupán e castelán

Este dicionario lémbranos canta fermosura e funcionalidade contén a diversidade lingüística.



Por certo, que significado terán as palabras do título?
---

venres, 9 de maio de 2014

Gañador@s do 1º Concurso Mª Vitoria Taboada de Poesía, Relato curto e Microrrelatos



      Habemus gañador@s! 



Logo dunhas arduas e longas deliberacións e após dunha rigorosa análise dos textos participantes, por fin xa temos gañadores do 1º Concurso Mª Vitoria Taboada de Poesía, Relato curto e Microrrelato.
Os xurados das tres modalidades a concurso emitiron os seguintes fallos:
POESÍA:


O xurado integrado por: Carlos Míguez Macho (Dep. de Lingua Castelá e Literatura), Mª Pilar Espiño Espantoso (Dep. de Lingua e Literatura Galega) e Ángeles García Otero (Dep. de Matemáticas) acordan por unanimidade outorgar o 1º Premio Mª Vitoria Taboada de Poesía aos poemas de asinados co pseudónimo de  "Moraima" que corresponde a Eva González Blanco: "Pola súa apaixonada descrición da dor pola perda amorosa a través dunha linguaxe contida e orixinal, representación en si mesma dos seus últimos versos: Só a poesía é verdadeira / se as palabras reflicten a complexidade / da alma humana”.

Así mesmo, o xurado acorda conceder un accésit aos poemas presentados  baixo o lema "O coello de Alicia que me guía" da autoría de Mariña Castro Fontao: "Polo exquisito control do surrealismo a través dunha linguaxe precisa expresada en versos curtos e cortantes que simbolizan unha visión amarga e descarnada da existencia."

RELATO CURTO:

O xurado integrado por: Javier López Quintáns (Dep. de Lingua Castelá e Literatura), Mª Carme Vivero González (Dep. de Lingua e Literatura Galega) e Servando Lois Silva (Dep. de Grego) acordan por unanimidade outorgar o 1º Premio Mª Vitoria Taboada de Relato Curto a Unha mente intranquila de María Framiñán Davila:  por crear unha historia na que “destaca a súa brevidade e concisión, o manexo dos tempos e a súa forma epistolar”.

Así mesmo, o xurado acorda conceder dous accésit:

Un 1º accésit a Pero antes, de quen era? de Helena Pereiras Villamayor,  por elaborar “unha historia ben construída, sinxela e emotiva, que mantén un ritmo axeitado”

E un 2º accésit a O padriño de Xosé de Martín Villar Gil, por construír “un relato ben resolto, cun elemento sorpresa que resulta congruente coa historia”.

MICRORRELATO:
O xurado integrado por: Sebastián Anxo Rozas Álvarez (Dep. de Artes Plásticas), Xoán Carlos Vizoso González (Dep. de Filosofía) e Ánxeles Francis Otero (Dep. de Inglés) acordan por unanimidade outorgar o Premio Mª Vitoria Taboada de Microrrelatos aos titulados Dous saltóns, O cocho Manolito e Raro individuo de cidade asinados por Sonia Framiñán González: Polo “humor,  maxia e valores como a amizade ou o reencontro coa natureza que están presentes nestes tres microrrelatos. A sinxeleza da expresión evoca así mesmo as narracións da tradición literaria infantil e popular.

A seguir os textos premiados:

Poesía, 1º Premio:
                  

"Quería retratar as paisaxes que a
dor psíquica ara nos rostros, non
por morbo senón por un feitizo abisal,"
'O lapis do carpinteiro' , Manuel Rivas

Fuximos libres
Fuximos libres do límite da realidade,
da nosa realidade.
Sinxelamente, eramos cores.
Cada alborada creaba o anhelo
de aventurarme na túa alma.
Algúns preludios de outono
sazonaban o aire.
Aloumiños de verbas doces
e rumores de versos xa esquecidos
mesturados no orballo de noites,
de seráns
nos que deixabamos a lúa
espida con beliscos de sedución.
Os cantos perdéronse no arco da vella
e a alma,
un espello esnaquizado dentro.
O feito se soñar como te pensei
non é presente.
O feito de por sempre xuntos estar,
non será un futuro.
O feito de non sermos é o noso ser.
Somos unha faciana de bágoas
encerradas na gaiola
que é o silencio.



Sexamos cómplices.
Tentei escribir a melodía perfecta
mais decateime que a túa voz
non ten partitura.
Que ningunha batuta poderá escribir no aire
notas agudas e graves de alegrías;
doce alegoría do teu sorriso non mudo.
Perdín a memoria recordando
cada recuncho non esquecido da túa pel.
Os versos debuxan engurras na túa cara,
inmaculada face,
ao tempo que os teus beizos
me ancoran á beira do abismo.
Oxalá este nonmesquezas
me axude a non lembrar
esta cadenciosa e permanente dor.
Esqueleto de ósos, canceríxeno pasado.
Caducifolio amor con data de fin
sen inicio, ironías do tempo sobre
mesturadas aliteracións sen sentido silenciosas.
As verbas morren nun suspiro lento
e os beizos interpretaban
cousas intelixíbeis entre nós.
Ti mo dixeches, Lois.
"O amor hanos esnaquizar."



A Carlos Casares.
Pois ben, aquí me tes
sabendo sen saber como son,
mergullándome no baleiro mar
cheo de bágoas acumuladas
ao longo de séculos.
Rompe o mar de fóra,
suspendido no tempo, nas ás das gaivotas.
Observo
as grafías da escuma nos penedos,
aloumiñándoos, bicándoos, mollando.
As miradas son lentas
e as vidas, monótonas.
Hipocentro deste trémulo sufrimento
sufocado por amplas réplicas de esperanza.
Apertas baleiras, sentimentos baleiros,
noites sen charlas coa almofada
e acumulación de doenzas
nestes versos invertidos.
Fico aquí. A porta fecha.
A soidade da lírica faime compaña.
Só a poesía é verdadeira
se as palabras reflicten a complexidade
da alma humana.
Eva González Blanco
  Poesía, accésit:

Granate
O coello de Alicia que me guía
Pintando as rosas de vermello
Cae pola toco
Florece, murcha
Adormece, resucita

Anxos escuros
que lle brindan murmurios
Ás negras, intencións claras.
Escóndete
Poden ver todas as túas inseguridades, almiña podre.
Non creo todo o que vexo,
non digo todo o que penso
calo todas as verdades.
Intenta camuflarte.
Sendo escoura,
estas maxestades caídas coñecen a túa historia.
Reverénciate cara á morte.
Halos, pureza.
Veleno nas veas.
Non é suicidio
se por dentro estás xa completamente baleiro.
Coma o rumor dun río.
Coma a seca que chega despois.
Corre o sangue.
Anda o sangue.
Para o sangue.
Para a vida.



Rubí
Ollos de cristal
Luz de vendaval
Bágoas de chumbo
Pesan nas meixelas
Esa boneca de trapo que ninguén quere
Espertou do seu sono e comezou o pesadelo
A triste ilusión dun cadáver que respira
Chamando por un corazón sen negróns
xace nun ataúde
sen velas
sen flores
sen choros
sen cores.
Sendo unha pantasma cargando un abrigo de carne e óso.
Unha alma rota por todos eles.
Por todas vós.
Ata a corda, afía a coitela, dispara a arma...
Voan paxaros engaiolados.


Escarlata
Afogada no seu propio mar
zoada na súa propia marea.
Arde coma Roma
fría coma un caramelo.
Un león que non recoñece o seu reflexo no lago.
Non pode soportar
as pedras que tiran a dar.
Os monstros inquilinos nela.
Miña xoia, mente insalubre.
Voan balas, dan no branco
No negro da promesa esquecida.
No vermello do sangue verquido.
A maquillaxe dun sorriso perdido,
encontráronme  queimado en cinzas,
coma un ritual
un musical
unha pantomima
Unha obra que xamais se estreará
Non se oen aplausos.
Só as campás.
Mariña Castro Fontao

   Relato curto, 1º Premio:



Unha mente intranquila
Non me gustaría recordar os momentos tráxicos do noso matrimonio...
Os enfados, rifas, palabras máis que outras, enfrontamentos cada dous por tres. En fin, agora sei moi ben o que pasou nese tráxico día.
Era un día de primavera no que Emma adoitaba pasear polo parque, cando cheguei todo alterado, malhumorado e como sempre bébedo á casa. Empeceille a berrar e a balancear o seu corpo débil, a causa do embarazo. Ela intentaba protexer o bebé como fora, pero esa ansia por querer protexelo levárono á morte.
Eu abalanceime sobre ela para darlle una labazada por terme berrado, cando ela perdeu o equilibrio do seu débil corpo.
Esa foi a tráxica morte da miña muller e do meu fillo, que nin sequera cheguei a coñecer e que rematou na tráxica escaleira, alí, no fondo rodeada por un gran charco de sangue.
Eu neste momento atópome no cárcere maquinando: Por que?, Como?, Cando?... E recordando o felices que foramos antes de casarmos . Nosa primeira cita, no restaurante onde a coñecín por primeira vez. O primeiro bico no parque da Igrexa onde anos despois casamos, nese pequeno e máxico, pero segredo, que tan só sabiamos del ela e eu. Nese mesmo lugar, díxenlle o moito que a amaba e o importante que era para min e que non sería capaz de vivir sen ela. Un lugar moi especial, alí mesmo foi onde me deu unha das miñas mellores alegrías, que esperaba un fillo meu. Acórdome dese día como se fora hoxe. Chegou coma de costume co seu amplo surriso, ulindo a una frescura de rosas, o seu característico aroma. E como non o seu apreciado fular que lle merquei en París.
E por último, pero non menos importante, o día que lle pedín matrimonio no alto da Torre Eiffel, cun violinista tocando a nosa canción. Iso é o que quero recordar, non ese tráxico día onde perdeu a vida miña muller e meu fillo entre as miñas mans.. Que fago agora sen nada polo que loitar e saír adiante! Tíñao todo e quedei sen nada…
Escribo esta carta porque a miña vida xa non ten sentido sen a miña muller ao meu lado. Sei que cometín tantos fallos que o único que podo facer e desaparecer deste mundo, xa que aquí non dou tido paz. A conciencia non me deixa vivir, cada día tortúrome pensando que son o culpable da morte da miña familia e efectivamente si que o son.
A última cousa que quero ver antes de morrer é a radiografía do meu pequecho e unha fotografía da miña muller e eu no alto da Torre Eiffel.
Adeus...




María Framiñán Davila
 
 1º accésit:



Pero antes, de quen era?
Este é o ano 2013, un ano que poderiamos dicir que foi malo para Galicia e para España en xeral. Será cousa do número 13? Non o creo, porque os anteriores tamén foron malos, mesmo me atrevería a dicir que peores ca este, e non tiñan este fatídico número. Podería contar moitas historias pero esta concretamente resúltame moi entrañable. Trátase dunha nena de catro anos, Uxía, que vivía nunha pequena aldea de Ourense con seus pais, Xan e Anxos, e coa súa irmá pequena de dous anos, Sabela. Seu pai traballaba de albanel e súa nai cosía para unha coñecida boutique. Aínda que a boutique era de alta costura, Anxos cosía día e noite para sacar un soldo decente.
De súpeto, sen saber moi ben como nin por que, apareceu a crise e Xan quedou sen traballo. Ao principio conseguía, aínda que con dificultade, facer algunha chapuza pola súa conta, pero isto tamén se foi acabando e, finalmente, quedou no paro. Anxos veuse na obriga de dedicar máis horas á costura para poder sacar adiante a toda a súa familia.
Xan decidiu dedicarse ao cultivo da horta para, cando menos, ter algo que comer e tamén pasar as horas un pouco entretido e sobre todo sentirse útil. Sabela estaba encantada con esa idea porque seu pai estaba na casa todos os días e tamén porque lle encantaba axudalo a plantar leitugas e todo tipo de hortalizas pero, sobre todo, o que máis lle gustaba era ir cun cesto recoller tomates e pementos. Sabela dicíalle a seu pai todos os días que ela cando fose grande quería ser coma el e plantar moitas leitugas, tomates, pementos, cenorias e sobre todo berenxenas, pola súa cor tan bonita.
Uxía e Sabela tiñan dúas curmás de 10 e 12 anos, María e Carme, que vivían en Vigo e ás que lles daban toda a roupa que lles ía quedando pequena para que, xa que os pais de Uxía estaban nunha mala situación, non tivesen que gastar tantos cartos mercándolles roupa. Despois de Uxía esa roupa pasaría para Sabela.
Uxía púñase moi contenta cada vez que herdaba algunha peza de roupa das súas primas. A pregunta que ela lle facía á súa nai sempre era a mesma:
—De quen era antes?
Anxos sempre lle respondía moi contenta, pero á súa vez un pouco triste porque non lle podía mercar nada novo:
—Antes era das túas curmás de Vigo.
Tantas e tantas cousas herdara Uxía das súas curmás que un día súa nai fíxolle un vestido novo para a festa da cidade e ela, como de costume, preguntoulle de quen fora antes. A nai contestoulle:
—Este vestido é novo Uxía, é teu. Fíxeno eu para ti e estalo estreando.
Pero a nena non o entendía e seguía facendo a mesma pregunta unha e outra vez. A nai, sen saber como explicarlle a Uxía que o vestido non fora de ninguén antes, díxolle que era seu e despois pasaría para a súa irmá Sabela. Uxía, un pouco triste, contestou:
—Vale mamá, pero eu quero que antes de ser meu sexa das miñas primas.
 Uxía era moi feliz traballando con seu pai e poñendo a roupa das súas primas e seguiu moito tempo facendo a mesma pregunta: “Pero antes, de quen era?”.
Helena Pereiras Villamayor


    2º accésit:



O padriño de Xosé
Esta  é  a  historia  dun  rapaz  normal  de  catorce  anos  chamado  Xosé,  un  nome  común  da  súa  terra. Xosé  non  sabía  que,  de  súpeto,  ía  topar  con  unha  das  cousas  máis  importantes  da  súa  vida. Era  un  rapaz  pícaro,  moi  falador,  moi  amigable,  pero  sobre  todo  cabe  destacar  que  era  moi  humilde  e  calado;  xa  que  el  queríalle  moito  ao  seu  padriño  Arsenio,  que  faleceu  cando  tan    tiña  sete  anos  por  un  cancro  de  pulmón,  el  admiraba  a  seu  padriño  máis  que  a  nada,  contáballe  como  tivo  que emigrar  a  Suíza  con  vinte  anos  entre  moitas  máis  historias,  e  o  seu padriño  foi  un  exemplo  a  seguir  para  el.
Xosé  vivía  nunha  aldea,  cerca  dunha  pequena  canteira  da  cal  lle  contou historias  do  pasado  o  seu  padriño,  esta  situábase  a  medio  quilómetro  da  súa  casa  e  ao  carón  do  río,  á  cal  sempre  se  achegaban  el e mais  os  seus  amigos,  Víctor  e  Manolo,  para  ir  merendar,  ata  que  se  decatou  súa  nai  e  case  non  queda  vivo do  que  lle  berraron  por  acercarse  ata  a  canteira;  el,  cavilando  o  porqué  do  enfado  da  súa  nai,  quedou  intrigado  co  que  alí  acontecía e que  provocara  tal  enfado  na  súa  nai,  ao  día  seguinte  púxose  de  acordo  cos  seus  compañeiros  para  facer  unha  escapada  nocturna  a  dita  canteira;  aquela  noite,  cando  saíu  pola  fiestra  para  fóra  onde  o  agardaban  Manolo e Víctor  para ir  á  canteira,  decatouse  de  que  as  curuxas  estaban  a  oulear  preto  do  río, isto  recordoulle  que  o  seu  padriño  lle  contara  unha  historia  sobre  que  as curuxas  poden  predicir  a morte,  pero  pese a  iso,  a  súa  intriga  era  moito  maior  ao  medo  que  estaba  a  pasar  e  non  lle  dixo  nada  aos  seus  compañeiros. Xa  chegando  á  canteira,  os  calafríos  entre  eles  tres  aumentaban  máis  e  máis  e,  a  medida  que  se  facían  camiño  entre  os  chopos,  este  ía  sendo  tamén  máis  tenebroso.  De  súpeto,  Xosé  viu   unha  luz  que  alumeaba  toda  a  canteira,  e  quedou  perplexo,  os  seus  compañeiros  preguntáronlle  que  lle  acontecera  logo  de  lle ver a  cara  de  parvo  que  lle  quedara,  e  el só  dixo  de  seguir  camiñando,  en silencio  matinou  por que  viu  unha  luz  e  chegou  á  conclusión  de  que  era  polo  sono. Cando  chegaron  a  dita  canteira  coas  súas  lanternas,  déronse  conta  de  que  alí  non  acontecía  nada,  estaba  todo  deserto,  simplemente  había  un  montón  de  terra,  un  cepo  de  madeira  e  un  pico  nun  recuncho.  Buscaron  ata  máis  non  poder,  e  tal  foi  a  decepción  de  Xosé  ao  non  topar  con  nada,  que  colleu  o  pico  na  man  dereita  e  tirouno  contra  un  dos  lados  da  canteira;  xa  dado  a  volta  e  disposto  a  abrir  camiño  cara  á  casa,  escoitou  un  pequeno  golpe  parecido  ao  dunha  martelada  contra  a  madeira,  deu   a  volta  e  botou  a  andar  cara  ao  estraño  lugar  que  acabara  de descubrir,  estaba  tapado  pola  terra  que  había  amontoada,  sacárona  de  diante  e  topáronse  cunha  porta  de  madeira,  abriuna  cun  minucioso  coidado  e  topou  unha  pequena  sala,  na  cal  había  unhas  candeas,  unha  pluma,  un  escritorio  tallado  polo  seu  avó,  que  era  carpinteiro,  e  un  morico  de  libros  e  follas  escritas  ciscadas  sobre  a  mesa,  na  cal  destacaba  unha  que  dicía:  “Á  fin,  topaches o  meu  recuncho  meu querido  amigo Xosé,  no  cal  podo  deixar  algo  de  min  e  da  miña  historia,  pese a que  tivera  que  emigrar  a  Suíza,  aquí  deixo  a  miña  vida  en  relatos  e  todas  as  historias  que  non  puiden  rematar  de  contarche,  quérote.”
Xosé non  foi  capaz  de  ocultar  as  súas  emocións  ao  ler  a  folla  que lle  deixara  escrita  seu  padriño    para  el. Pediulles  a  Manolo  e  a  Víctor  que  non  dixesen  un  pío  do  que  viran  esa noite,  e así foi.
Finalmente,  volveron  todos  ás  súas  casas,  e  dende  aquela,  Xosé  foi  visitar  a  canteira  todas  as  noites  para  ler  as  memorias  e  historias  que  lle  deixou  o  seu  padriño  coa  luz  das  candeas  para  darlle  máis  emoción  e  ao  mesmo  tempo  intriga. Con  todo  o  que  aprendeu  Xosé  do  que leu  do  que  seu  padriño  lle  deixou,  chegou  á  conclusión  a  medida  que  pasaba  o  tempo  de  que  seu  padriño non  lle  deu  a  vida,  pero  si  lle  ensinou  a  vivila;  sen  dúbida,  hai  cousas que  nin  os  cartos  substitúen,  e  ter  as  memorias  do  seu  padriño  Arsenio era  unha  para  Xosé.
Martín Villar Gil



  Microrrelato: 1º Premio:


Dous saltóns
   Unha vez dous saltóns pelexaron. Un cría que era o mellor e que saltaba moito máis alto, o outro dicíalle que non, que el era moito mellor porque saltaba máis lonxe. Nisto que mediante a discusión, cansados un do outro, un dixo: “Comprobémolo agora mesmiño e acabouse” Así que alá foron. Chegaron ao prado máis grande, longo e coas mellores herbas que había na comarca e decidiron que aquel era o lugar ideal. O primeiro deu un chimpo tan grande que chegou ata a outra esquina do prado, pero como as herbas estaban tan grandes e o prado era tan longo o outro daba chimpos e máis chimpos, mais non conseguía ver o compañeiro. Os dous berraban todo o que podían, pero non se podían oír porque estaban moi lonxe. Aburridos de discutir por algo que non lles pagaba a pena acordaron volver ao lugar de inicio para facer as paces. Cando xa estaban un a carón do outro decididos a facelas paces, déronse conta de que un era amarelo e outro verde, e de novo volveron discutir dicíndolle un ao outro que era o mellor. Así pasaron toda a tarde, pero ao final do día xa estaban cansados de discutir por parvadas, entón entenderon que a súa amizade era moito máis forte que as súas diferenzas e dende aquel momento souberon que os dous eran os mellores, cada un na súa cousa




O cocho maldito
  Os veciños da vila acordaron todos ordenar as súas adegas e sacar as cousas que xa non valían para nada á rúa principal, aquilo era unha desfeita: colchóns, ferros oxidados, televisores antigos, tubos, táboas que xa non había por onde coller... en fin, unha catástrofe. Logo de moito ollar para elas empezaron a enredar coas cousas e sen case darse conta comezaron a amontoalas dunha forma moi ordenada e curiosa. Entre todos quedaran cos cacharros vellos formando un gran cocho. Cando se deron conta botáronse todos a rir. Viron que na punta do fociño tiña un letreiro ben grande que poñía “Benvido Manolito”, de novo comezaron todos a rir e alguén berrou: “Será o cocho Manolito!”. Aos veciños gustoulle a idea e como xa estaba na rúa principal pareceulles ben que quedase alí e dende aquel día fose o símbolo da vila. A partir de entón, por esa data todos os anos se celebra unha festa na que o que se fai é gozar de todos os diversos manxares do porco, os máis vellos contan a historia de como se construíu o cocho Manolito e logo móntase unha gran troula arredor súa.


Raro individuo de cidade
  Aquel bichiño tan pequeno era moi peculiar. Tiña unhas orellas longas, longas e con elas podía oír todo o que se dicía naquela cidade; tiña unhas patas pequeniñas, pequeniñas e andaba veloz coma un raio, un pouco aquí e ao segundo acolá; tiña un gran bigote, moi espeso; tiña uns ollos grandes coma pratos, un azul e o outro vermello, tiña tamén unha barriga enorme e redonda coma un queixo, nela cabíalle todo o que atopaba por diante, mais tíñache unha boca ben pequeniña. Este bichiño tiña algo especial, pero ninguén conseguía saber o que era, os cidadáns víano e todos quedaban abraiados. O bichiño, canso de escoitar tantas voces na súa cabeza que o tiñan tolo, canso de andar de aquí para alá sen poder parar a contemplar nin a paisaxe que o rodeaba, canso de que todo o mundo o mirase con esa cara de abraio, colleu a súa maleta e marchou en busca dun lugar tranquilo no que poder estar acougado e relaxado, soamente escoitando o son da natureza, sen que ninguén o mirase, sen ter présa porque non tiña ningún lugar ao que chegar a tempo. Dende ese día todos os cidadáns sentían que na cidade faltaba algo, pero non caian na certeza de que aquel bichiño marchara para sempre a un lugar tranquilo. Aquel tal bichiño resultou ser un bichiño moi especial, un gran bicho máxico.
Sonia Framiñán González