Blog do Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega do IES Ramón Mª Aller Ulloa (Lalín)
mércores, 19 de decembro de 2012
Vocabulario forestal (galego-español-inglés)
Vocabulario forestal (galego-español-inglés) é o número 6 da colección Vocabularios temáticos do Servizo de Normalización Lingüística da USC.
Esta é a súa ficha:
E esta a mostra dunha páxina:
De verdade que non che apetece descargalo en PDF?
Tamén:
Vocabulario de medicina (galego-español-inglés-portugués)
Vocabulario de morfoloxía, anatomía e citoloxía veterinaria (galego-español-inglés)
Etiquetas:
Ferramentas lingüísticas,
Vocabularios
venres, 7 de decembro de 2012
Perante a actitude de desprezo con que trata o Anteproxecto da LOME as outras linguas oficiais do Estado, e por suposto as autoridades educativas do actual goberno do PP, nós tamén queremos recuperar o valor actual do poema de Celso Emilio Ferreiro "Deitado frente ao mar..."
Deitado frente ao mar...
Lingoa proletaria do meu pobo
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefe s sin raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.
Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruís e poderosos,
non falo pra os finchados,
non
falo pra os estúpidos,
non falo pra os valeiros,
que
falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño...
Longa
noite de pedra, C. E. Ferreiro
Só unha breve análise do verso "Lingua proletaria do meu pobo" nos mostra a actualidade do texto. En efecto, a
inclusión no primeiro verso do poema do termo proletaria con respecto á
lingua, resulta altamente connotativo dada a relación de Celso Emilio co
marxismo. Este elemento subxectivo, non fai senón afondar na argumentación
social e política da defensa do idioma galego, presente na tradición poética galega
cando menos desde a célebre “Introdución” de Aires da miña terra de
Curros Enríquez, mais agora en Celso Emilio Ferreiro adquire novos rexistros.
O
contexto histórico é un factor a ter en conta, pois o sintagma lingua
proletaria, adquire entón unha clara dimensión social e política contra a
ditadura franquista (e hoxe sería contra a pretensión ultraconservadora de marxinar o idioma galego), vinculando a lingua galega ás clases populares e
dinamizando a partir desa identificación todo un proceso de dignificación
social da nosa lingua.
Isto
levaría implicitamente a un maior coñecemento dos nosos valores culturais e
lingüísticos que redundaría, superados os prexuízos, nun
incremento afectivo para coa lingua e finalmente nunha conduta incentivadora
dos usos lingüísticos en galego.
En
suma, o verso Lingua proletaria do meu pobo supón toda unha declaración
de intencións no tocante á reivindicación lingüística dunha lingua aínda
maioritaria, mais minorizada por amplos sectores da sociedade, como un
sentimento étnico que nos faga ser máis libres e respectuosos co alleo, mais
nun plano non excluínte, consonte a doutrina marxista, é dicir, practicar o
internacionalismo proletario desde os postulados culturais e lingüísticos
autóctonos e de clase, malia que hoxe en día esta última acepción supoña
posibelmente un obstáculo para a dinamización do propio proceso normalizador
tendente, como non, a abranguer todos os estamentos da sociedade.
venres, 16 de novembro de 2012
Novísima flor de romances froito da libertaria imaxinación da promoción de 4º de ESO do curso 2011-12.
Trátase dunha
ollada desacomplexada sobre algúns dos prexuízos sociais que afectan á
sociedade adulta, en combinación coas vellas teimas da adolescencia, que será acompañada dunha exposición cos orixinais.
Open publication - Free publishing
martes, 30 de outubro de 2012
domingo, 7 de outubro de 2012
Este ano 2012 conmemórase o centenario de Celso Emilio Ferreiro (Celanova 1912 - Vigo 1979).
Celso Emilio pasa por ser en Galicia o máximo representante da poesía social, privilexio que comparte con Gabriel Celaya e Blas de Otero no ámbito español, grazas ao elevado recoñecemento e mesmo popularidade que lle proporcionou a difusión de Longa noite de pedra, aspecto este que non debe ocultar a verdadeira dimensión de Celso Emilio vista a través de varias liñas temáticas:
A liña social O eu solitario de O soño sulagado, que se amplificaba en solidario coa dor e o sufrimento dos demais, transfórmase en Longa noite de pedra nun NÓS. Neste segundo libro a solidariedade (ideoloxizada e socialista) remóntase e ábrese á reivindicación, á asunción da voz dos humildes. A liña de denuncia percorre varios planos. No plano máis xeral hai unha proclama e un desexo de liberdade, e por conseguinte unha denuncia da opresión. Nun plano máis inmediato, esa liberdade e esa opresión son concretadas nun tempo e nun espazo, tanto polo contexto sociopolítico en que foi escrito o libro, como por outros textos do mesmo. A opresión ten un suxeito –“aqueles que escriben a historia”, a clase de poder, os propietarios, a burguesía, e xa no tema nacional, España. Neste contexto os cantos á solidariedade universal e os poemas antibelicistas encádranse na súa ideoloxía antiburguesa, por canto a inxustiza e a guerra son vistos como produtos de poder. O obxecto directo da opresión é o pobo, “aqueles que sofren a historia” e con eles está a voz do poeta. Para eles proclama a súa esperanza. Son, precisamente, a esperanza e a identificación coa colectividade as que lle dan unha nova dimensión ao tempo coma tema poético.
A liña satírica Esta liña complementa a chamada liña social. Os temas son similares, mais a forma e o ton cambian. A ironía, o sarcasmo, a burla, o humor marcan o poema. Neste caso a tensión emotiva decae, ou mellor dito, é substituída pola sátira, procedemento frecuente nos poemas do ciclo da emigración, como en Cemiterio privado, breves poemas, enxeñosos e con fin crítico.
A liña intimista Orientada esta á dor e á angustia existencial. A dor relaciónase coa infancia perdida, co paso do tempo e co recordo das experiencias máis amargas, tamén coa mocidade que se esvaeceu devorada polas chamas da guerra; e á soidade e á morte. Con tintas menos sombrías, recupera esta liña en Onde o mundo se chama Celanova, poemario no cal adquire un papel relevante a poesía amorosa. A seguir ofrecémosvos unha serie de enlaces sobre Celso Emilio:
http://celsoemilioferreiro.org/
http://gl.wikipedia.org/wiki/Celso_Emilio_Ferreiro
http://www.crtvg.es/crtvg/arquivo/categoria/celso-emilio-ferreiro
http://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=CelFerre&alias=Celso+Emilio+Ferreiro&solapa=biografia

Subscribirse a:
Publicacións (Atom)