Deitado frente ao mar...
Lingoa proletaria do meu pobo
eu fáloa porque sí, porque me gosta,
porque me peta e quero e dame a gaña
porque me sai de dentro, alá do fondo
dunha tristura aceda que me abrangue
ao ver tantos patufos desleigados,
pequenos mequetrefe s sin raíces
que ao pór a garabata xa non saben
afirmarse no amor dos devanceiros,
falar a fala nai,
a fala dos abós que temos mortos,
e ser, co rostro erguido,
mariñeiros, labregos do lingoaxe,
remo i arado, proa e rella sempre.
Eu fáloa porque sí, porque me gosta
e quero estar cos meus, coa xente miña,
perto dos homes bos que sofren longo
unha historia contada noutra lingoa.
Non falo pra os soberbios,
non falo pra os ruís e poderosos,
non falo pra os finchados,
non
falo pra os estúpidos,
non falo pra os valeiros,
que
falo pra os que agoantan rexamente
mentiras e inxusticias de cotío;
pra os que súan e choran
un pranto cotidián de volvoretas,
de lume e vento sobre os ollos núos.
Eu non podo arredar as miñas verbas
de tódolos que sofren neste mundo.
E ti vives no mundo, terra miña,
berce da miña estirpe,
Galicia, doce mágoa das Españas,
deitada rente ao mar, ise camiño...
Longa
noite de pedra, C. E. Ferreiro
Só unha breve análise do verso "Lingua proletaria do meu pobo" nos mostra a actualidade do texto. En efecto, a
inclusión no primeiro verso do poema do termo proletaria con respecto á
lingua, resulta altamente connotativo dada a relación de Celso Emilio co
marxismo. Este elemento subxectivo, non fai senón afondar na argumentación
social e política da defensa do idioma galego, presente na tradición poética galega
cando menos desde a célebre “Introdución” de Aires da miña terra de
Curros Enríquez, mais agora en Celso Emilio Ferreiro adquire novos rexistros.
O
contexto histórico é un factor a ter en conta, pois o sintagma lingua
proletaria, adquire entón unha clara dimensión social e política contra a
ditadura franquista (e hoxe sería contra a pretensión ultraconservadora de marxinar o idioma galego), vinculando a lingua galega ás clases populares e
dinamizando a partir desa identificación todo un proceso de dignificación
social da nosa lingua.
Isto
levaría implicitamente a un maior coñecemento dos nosos valores culturais e
lingüísticos que redundaría, superados os prexuízos, nun
incremento afectivo para coa lingua e finalmente nunha conduta incentivadora
dos usos lingüísticos en galego.
En
suma, o verso Lingua proletaria do meu pobo supón toda unha declaración
de intencións no tocante á reivindicación lingüística dunha lingua aínda
maioritaria, mais minorizada por amplos sectores da sociedade, como un
sentimento étnico que nos faga ser máis libres e respectuosos co alleo, mais
nun plano non excluínte, consonte a doutrina marxista, é dicir, practicar o
internacionalismo proletario desde os postulados culturais e lingüísticos
autóctonos e de clase, malia que hoxe en día esta última acepción supoña
posibelmente un obstáculo para a dinamización do propio proceso normalizador
tendente, como non, a abranguer todos os estamentos da sociedade.
Ningún comentario:
Publicar un comentario