Xa temos gañadoras do concurso de relato curto e poesía organizado polo Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega do IES Ramón Mª Aller Ulloa. A seguir podedes ler a acta do xurado do mesmo, así como os traballos que resultaron elixidos, acompañados duns breves e agudos comentarios das súas autoras.
Acta:
Reunido o xurado, integrado por Lara Rodríguez Peña,
Rocío Garnil Mella e Santiago Serantes
Blanco, todos os tres do Prácticum do Máster de Profesorado da USC, emite de
maneira consensual, a seguinte resolución sobre o concurso literario de relato
curto, microrrelato e poesía, convocado polo Equipo de Normalización e Dinamización
da Lingua Galega do IES Ramón Mª Aller Ulloa:
PREMIO de POESÍA para EVELYN, polos poemas Memorias do esquecemento, Son de anguria e
Metamorfose regresiva:
Que se corresponde con EVA GONZÁLEZ BLANCO de 1º de
Bacharelato B.
PREMIO de RELATO CURTO para: CONFUSED DREAMER, polo
relato O seu mellor e único amigo :
Que se corresponde con OLIMPIA ELISA RIVERA MARCOS de 2º
de ESO C.
Lalín a 30 de abril de
2013
Poemas gañadores:
Memorias do esquecemento
“Esta composición tenta
expresar o baleiro que unha persoa pode hospedar na súa alma cando a razón da
súa realidade fuxiu. Non hai motivos para saír a diante, todo ocorre lentamente
envolto na monotonía e soidade, ese alguén déixase conducir sen rumbo por rúas,
sen cavilar no seu porvir”.
Ceibou o reloxo a súa restra de badaladas
e o nono abelorio penduraba no seu interior.
Adondaba a derradeira galleta
na última cullerada de café,
no pouso da cunca.
Azucraba pouco a bebida, o doce
substituíao por edulcorante.
Apañou no cabo do sofá un xornal
de dous días atrás.
Unha gargallada escachante
racha o silencio do ambiente.
O aire da habitación recolleu o son
coma unha labazada.
Soérguese encol das escaleiras,
recordando a manifesta avidez vaidosa
satisfeita por el.
Cofeando recantos,
deixándose conducir e guiar por canles de volutas.
Memorias esquecidas entre verismos
dos cales non atenderá onte,
hoxe, mañá.
O seu sorriso vértese extenuado
polos currunchos da boca.
Relegaron á incerteza do alén
o compromiso de viable nacenza.
Son de
anguria
“O
poema expón a felicidade que comparten dous namorados así como o seu sentimento
de culpabilidade por estar vivos e xuntos cando todo ao seu redor é morte e
destrución”.
O fume fulguraba empapándoo todo,
colapsando o aire;
percorrendo os nosos alvéolos
deixando un rastro máis para a lembranza.
A aldea tiña unha banda sonora,
un baixo obstinato de estoupidos atroces,
ronsel de latexos do ceo,
ecoar de esplendor.
Resultado: soidade,
a hecatombe achégase ruxindo
entre a néboa silandeira
esparexendo veleno.
Mais o superfluo asedio
non chegaba a escurecer a nosa felicidade,
sorrisos afogados no meu peito
humedecidos por bágoas túas,
amando tanto a liberdade.
Inauditos saloucos pendurando
no compás da melodía desmesurada
ao lonxe, tan preto.
Esqueleto de ósos,
canceríxeno pasado.
Manto escuro e laso, noite,
a que nos envolve e nos garda,
que nos casa e nos fusiona.
Metamorfose
regresiva
“No
poema, o abandono marca os días, tras a noite sempre chega o día e con el os
recordos dun tempo que foi feliz. Expresa a súa xa monótona dor, é mental e é
física, sen bágoas que chorar e sempre cunha música de fondo: a da soidade”.
Evoco os versos do esquecemento,
baleiro o pensamento e
recordos non quedan xa.
O amencer chegou tras a noite.
Os raios de sol xogaron cos meus ollos
manchados de memorias bélicas.
Un rancor de gladíolos,
de semprevivas intempestivas.
Levamos connosco o peso dos días
que choveu sen ti.
O meu corazón semella
un armatoste inútil exposto ás inclemencias.
Cúbrome de anonimato veludo
admirando bicos acubillados no repouso
pensando no baleiro porvir.
Herdei a dor dun desleixo
que recobre de vermello o baleiro.
Doen as pálpebras de chorarte
con secas bágoas,
vivindo narcotizada non sinto dor xa.
No fondo do alén escóitase
unha bela e triste melodía
sen partituras e sen notas
falándome de que ti sofres
por quen por ti nada dá.
“A vida
é a miña tortura e a morte será o meu descanso.”
Romeo e Xulieta.
Eva
González Blanco (Evelyn). 1º
Bacharelato
Relato gañador:
O seu mellor e único amigo
Aquel era un día frío de xaneiro, coma moitos outros, nunha
cidade do norte de Galicia. Era luns. Só se vían polas rúas nenos indo cara a
escola, con cara de sono e desilusión. Coma todos os días lectivos, ían andando
tranquilamente un grupo de nenas. Eran Carla, María, Emma e Nerea. Catro
alumnas de 2º da ESO, polo xeral estudosas, aínda que non sempre. Nuns dez
minutos atopábanse xa entrando pola porta do instituto. O instituto, un lugar
aburrido e horrible, para algúns, mentres que un paraíso para outros. Pasean as
catro compañeiras xuntas polo corredor á vez que saúdan os distintos
compañeiros e profesores. Soa o timbre, entran na clase e sentan nos seus
pupitres. Mentres que o profesor pasa lista, algúns aproveitan para charlar e
outros intentan copiar os deberes que o profesor mandara o día anterior. Cando
o profesor remata de pasar lista, disponse a explicar a lección. Entón, María
busca o seu libro de texto na mochila, pero non o encontra. Ela supón que lle
quedou na casa. Coméntallo ao profesor e este indícalle que vaia ao armario do
fondo da clase e colla un libro de texto. María levántase e diríxese alí. Os
libros que hai no armario son todos do ano da pera... Colle un e volve sentar
no seu pupitre. O primeiro que fai é sacudir o libro, xa que está cheo de po,
mais cando o sacode, unha folla do seu interior cae ao chan. Cóllea e obsérvaa, a folla ten unha cor amarelenta,
e está bastante deteriorada. Asáltaa a curiosidade e comeza a ler un texto
escrito nela. Está escrito cunha caligrafía un tanto rara, pero inda así enténdese
bastante ben. Cando remata de lelo, queda abraiada. E entón, desexa que a clase
acabe pronto, para contarlles ás súas amigas o que acababa de ler...
O agardado timbre soa por fin anunciando o recreo. Todos
saen da clase rapidamente, excepto María. Ao ver que María non sae da clase, as
súas amigas miran cara a ela e achéganse a ver que é o que ocorre. Entón, María
comeza a contarlles o impactante texto, que atopara naquel vello libro de texto:
“Ola, chámome Breixo Arteixo.
Escribo esta nota para quen a queira ler, independentemente de quen sexa. Que
por que a escribo? Non o sei. Para que? Tampouco. Quizais, sexa para dicir
adeus. Adeus á escola, á miña vila. A todo. Non aguanto máis, dispóñome a
marchar. E como despedida, deixo enterrado, no único lugar que me aceptan, o meu
pequeno tesouro. É moi valioso. Se o encontras cóidao ben".
Todas quedan perplexas. Incrible, un tesouro! Pero... como
atopalo?
Despois
de revisar algunhas páxinas do libro, atopan pegada nunha delas unha folla
similar á outra. Desdóbrana e divisan un pequeno plano, co que supostamente se
chega ao tesouro. Este dispón dunha serie de pistas. Entón, despois de falalo,
María, Emma, Nerea e Carla acordan dedicar os recreos seguintes a atopar aquel
valioso tesouro.
Pasa o tempo. Co paso dos días, van resolvendo os
distintos enigmas, polo xeral sen palabras. Así ata que só lles queda un que se
lles resiste e di o seguinte:
"Se pronuncias o meu nome desaparezo. No lugar onde me encontro
atoparas a pista definitiva do tesouro".
Ao final, tras moito cavilar, conseguen achar a resposta.
A solución é o silencio. A partir disto chegan á conclusión de que se atopa na
biblioteca do instituto. Pero, en que parte dela? Por sorte, tras buscar nos
arquivos de préstamos de libros, ven que Breixo leu unha gran porcentaxe de
libros do gran Charles Dickens. Diríxense aos libros deste escritor e,
efectivamente, alí encontran unha pequena nota que di:
"Noraboa! Podes considerarte bastante espelido ao lograr chegar ata
aquí, non era doado! Ben, ao que iamos; o tesouro está soterrado no patio, xunto
a un carballo. Agardo que che guste!".
Saen coma foguetes a onde indica a nota. Tan desesperadas
están tras todo o esforzo que fixeron, que ata empezan a cavar coas mans. Nun
instante, conseguen sacar unha pequena caixiña. Entusiasmadas, ábrena con moita
ilusión. Para sorpresa súa, dentro hai unha pequena bolsa, e no seu interior
unha especie de colección de colares e fotos dun can, moi bonito por certo. Tamén
acompañados, como era de esperar, por unha nota, que contiña o seguinte:
"Algunha vez alguén lerá isto? Quen sabe, pero por se acaso, aí vai.
Pode que este non sexa o tesouro que esperabades. Pero para min isto é moito
máis valioso que calquera outra cousa. Sinto a desilusión. Mais cómpre que
coidedes ben o meu pequeno tesouro, espero que alguén saiba valoralo como eu
creo que se merece".
Uns días máis tarde do acontecido, navegando por
internet, atopan algo que lles chama a atención. É unha foto un tanto antiga
dun cartel, que tivera unha notoria difusión no seu tempo. Dicía:
"Breixo Arteixo, estudante de 14 anos de 2º ESO. Louro, de ollos azuis
e miudiño. É listo, e moi bo estudante. Sufría acoso escolar dos seus
compañeiros, debido aos seus altos coñecementos. Rogamos que se alguén o ve ou
o atopa, que se poña en contacto co número 634521887
DESAPARECIDO dende a pasada semana, xusto un día despois de morrer o seu
can, o seu mellor e único amigo”.
Olimpia
Elisa Rivera Marcos (Confused Dreamer). 2º ESO
“O relato baséase en experiencias persoais ou naquelas
que producen desagrado. A morte dun can de noso, que lle produciu a miña irmá
un forte desgusto ou o feito da discriminación, que leva o protagonista a ter
como único amigo precisamente a un can, serve de pretexto para argumentar
arredor do acoso escolar, algo insufrible, pois non é lóxico nin xusto o feito
de discriminar a compañeiros polo feito de estudar, ter unha forma de pensar
diferente... Tamén é certo que, desde pequenos, debemos valorar como verdadeiros
tesouros aquelas cousas que non se parecen para nada aos tesouros dos contos e
das películas, por así dicilo. Certo é que un tesouro non ten porque ser un ben
material, pode ser calquera elemento que nos faga felices. Por outro lado, as
doses de intriga tentan enlear o lector no misterio do relato”.
Olimpia
Elisa Rivera Marcos. 2º ESO
Ningún comentario:
Publicar un comentario