xoves, 30 de abril de 2015

Poemas premiados no II Concurso literario Mª Vitoria Taboada

O xurado do II Concurso literario Mª Vitoria Taboada, acordou outorgar o primeiro premio na categoría de poesía aos poemas presentados por Mariña Castro Fontao.


I.

Na gaiola de xoaniñas,
chámanlle infancia
unha pechadura impenetrable
protexe os ollos do meniño
de tornarse vermellos e salgados
pola verdade.
No recinto ateigado de portas
chámanlle xuventude
xurdiu a chave
deixou a criatura ceiba
indefensa
mordeuse até quedar en carne viva.
Que organismo ousará xurdir
nesta estepa seca
na que pretendemos construír
un camiño de rosas
que murchan?
Onde non hai máis ca calafríos
na nada.
Estatuas de marfil
e cairos de algodón
que enganan.

II.

Alma difusa
orquestra cadáver
Páxinas molladas
con demasiados borranchos
Coma cristal de botella
rota pola carraxe
o líquido derrámase
repta polo chan
chega aos sumidoiros
descansa na podremia.
Namoraches
do teu propio monstro
Creaches
o teu propio libreto
Neste teatro dos voraces
ten máis liñas ca o resto
Mentres ti, prima donna
te preguntas
cando vai estar lista
a túa máscara impasible.
Medras nun vertedoiro
de emocións
que tratas de afogar
coa almofada.
Descansa, miña rula,
a ver se a noite che leva as ambicións
e che trae vicios.

III.

Coma árbores
coas raíces traballando na busca de auga
coas ramas decidindo por onde agromar
co froito que xorde
cando te alimentas de luz allea
coas follas que te enchen
cobren
afogan.
Por iso agora es tinta
mergúllaste en augas que non che pertencen
e ao volverte líquido mudaches en mar.
Non tes que facer nada
só existir e ser eterno
mentres te habitan as sereas
cantándoche as túas eivas
es a vida por onde non corre o tempo.
Non corre
porque tropeza.
Chóveche no corazón
e na cabeza
supuras
cores que non existen
murmuras.
No mundo das fantasías
quero quedar
onde as nubes son moi altas
e camiño descalza
onde non preciso valor.
E se Deus está a observarme
sácolle a lingua.

 Valoración do xurado

O xurado significa destes poemas "a disposición dos versos e o exquisito lirismo co que a autora desenvolve o periplo vital da infancia á mocidade adubado este dunha sutil perspicacia que logra interiorizar os “cairos” cos que o suxeito lírico se afianza na busca dunha férrea integridade, “Medras nun vertedoiro de emocións que tratas de afogar coa almofada”; para concluír cunha existencial reflexión, na que tenta fuxir da fatal agonía, intrínseca ao ser humano."
Parabéns, Mariña.

Ningún comentario: