venres, 5 de abril de 2013

Festa da diversidade lingüística: Anirmau'13


O próximo luns celebrarase a sesión de apertura do Anirmau'13. Anirmau, o noso festival de cine de animación, chega á súa terceira edición "oficial". Antes organizaramos un par de edicións "domésticas".

Este ano dedícase por primeira vez ás longametraxes.

Anirmau proporciónanos moitas, moitas cousas. Algunhas non estaban previstas, outras -inicialmente contempladas como secundarias- adquiriron un carácter central. Entre as súas achegas, e desde logo non son as menores, están as lingüísticas:
  • Todas as películas son proxectadas no seu idioma orixinal
  • Todas as películas son subtituladas en galego.
A primeira cuestión obedece a un principio básico de respecto pola creación e de defensa da pluralidade lingüística. Dá gusto escoitar diferentes linguas! Dá gusto escoitar a "música" de cada lingua!

A segunda cuestión responde a unha necesidade comunicativa, pero tamén a un compromiso explícito co idioma. Resulta laborioso, pero reconfortante.

Ao longo deste anos pasaron polo Anirmau centos de filmes dos cinco continentes, subtitulamos todos os falados e iso significa que, posiblemente, estamos ante a maior iniciativa normalizadora, completamente altruísta, neste ámbito. E como ninguén nolo di, dicímolo nós... ou que demo!

Ningún comentario: