domingo, 3 de novembro de 2013

O Celta fala galego


O Celta promove o uso do idioma galego a través dun vídeo titulado O galego é de Primeira.
Xogadores celestes, así como o equipo técnico do club gravaron a prol da normalización da lingua galega dito vídeo, uníndose á campaña "Gústame o galego".
Parabéns a todos e que o espertar da lingua galega vaia parello ao espertar dun Celtiña campión.

martes, 8 de outubro de 2013

Nace Nós TV

   Unha nova canle Nós TV, que emite en galego toda a produción propia, nace co obxectivo de contarlles aos cidadáns "o que pasa no noso territorio". Así o afirman os seus promotores, mozos con espírito de servizo ao país e á súa lingua con lemas como: "Os galegos movémonos, móvete con Nós". "Comprometidos co rural, coas aldeas, cos lugares, coas parroquias". "Imos ser unha tele diferente, comprometida coa nosa terra". "Non queremos ser unha tele máis, unha máis do montón". Con sede en Lalín, esta nova canle é unha cadea local, mais como eles manifestan "con vocación autonómica", polo que o seu labor desenvolverase sobre todo nas comarcas de Deza, Tabeirós, Melide e Arzúa.
  Parabéns pola inciativa e a aposta decidida pola lingua galega. Adiante!

domingo, 8 de setembro de 2013

Oínk! A revista do Xabarín Club

  Xa está a venda a revista do Xabarín Club Oink!, a única dirixida a menores de  entre 6 e 15 anos. Moi necesaria para fomentar o uso da lingua galega entre os máis novos. Agardamos que teña unha longa vida.
Se queres máis información sobre a mesma, visita a web http://revistaoink.com/

mércores, 4 de setembro de 2013

Gustaríame crer..., por Carl Sagan e Gavin Aung Than


Traducir pequenos textos a galego non pasa de ser un gran de area na praia. Reclamar a fin da guerra non deixa de ser unha pinga de auga no oceano.

Poderiamos estar quietos, pero queremos seguir crendo que, gran a gran e pinga a pinga, aínda é posíbel.
 

O texto é de Carl Sagan, as ilustracións de Gavin Aung Than. Xa vos comentamos noutro sitio a nosa relación con este autor australiano. O propio Gavin refírese a Carl Sagan como "o profesor que nunca tivo" e explícanos a procedencia da cita que inspira esta BD: un artigo da revista Parade, de 1996, redactado desde o hospital, ás portas da morte (finou o 20 de decembro, dese ano).



Uploaded with ImageShack.us
 
 [A tradución é de Manuel Conde]

martes, 30 de xullo de 2013

Díaz Castro: o instante eterno.

Desde o pasado 21 de xullo, podemos ver o anticipo do documental que Xosé Antón Cascudo está a elaborar sobre Díaz Castro.

Son case dez minutos, durante os que podemos ver entrevistas, referencias ou documentos sobre o autor de Nimbos.


En Praza pública

domingo, 16 de xuño de 2013

Galicia xa ten o .gal

Parabéns a todas e a todos. Galicia xa ten dominio (.gal). O feito de facérmonos  un oco na internet ao lograr a plena identidade lingüística, cultural, histórica… supón un paso máis cara á normalización da nosa sociedade. Con todo deberemos agardar até principios de 2014 para a plena operatividade.



xoves, 13 de xuño de 2013

"Pico" in memoriam

Xosé Manuel Olveira "Pico" encetou a derradeira viaxe ás Illas. O marabilloso Sinbad citouse con don Álvaro Cunqueiro para relembrar andainas e darlle conta das novas sobre Galicia e a súa lingua. E precisamente no ano do teatro galego.
 Nós desde o aquén faremos todo o posible para manter viva a súa memoria, unha memoria que dignificou e dignifica a loita pola nosa identidade. De sempre ficará connosco como un dos abandeirados da normalización da lingua galega.