Parabéns
a todas e a todos. Galicia xa ten dominio (.gal). O feito de facérmonos un oco na internet ao lograr a plena
identidade lingüística, cultural, histórica… supón un paso máis cara á
normalización da nosa sociedade. Con todo deberemos agardar até principios de
2014 para a plena operatividade.
Blog do Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega do IES Ramón Mª Aller Ulloa (Lalín)
domingo, 16 de xuño de 2013
xoves, 13 de xuño de 2013
"Pico" in memoriam
Xosé Manuel Olveira "Pico" encetou a derradeira viaxe ás Illas. O marabilloso Sinbad citouse con don Álvaro Cunqueiro para relembrar andainas e darlle conta das novas sobre Galicia e a súa lingua. E precisamente no ano do teatro galego.
Nós desde o aquén faremos todo o posible para manter viva a súa memoria, unha memoria que dignificou e dignifica a loita pola nosa identidade. De sempre ficará connosco como un dos abandeirados da normalización da lingua galega.
Nós desde o aquén faremos todo o posible para manter viva a súa memoria, unha memoria que dignificou e dignifica a loita pola nosa identidade. De sempre ficará connosco como un dos abandeirados da normalización da lingua galega.
martes, 21 de maio de 2013
Entrega dos premios de relato curto e poesía
A Biblioteca do centro foi o espazo que acolleu a entrega dos premios de relato curto e poesía convocados polo Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua galega. Foi un acto modesto pero cheo de emotividade.
As galardoadas, Olimpia Elisa e Eva, recibiron os premios de mans da María Jesús Gracia, vicedirectora, e de Natalia Fernández, titora de 1º de Bacharelato B -grupo ao que pertence unha das premiadas-, ante un auditorio entregado á causa.
As galardoadas, Olimpia Elisa e Eva, recibiron os premios de mans da María Jesús Gracia, vicedirectora, e de Natalia Fernández, titora de 1º de Bacharelato B -grupo ao que pertence unha das premiadas-, ante un auditorio entregado á causa.
| Olimpia Elisa Rivera Marcos recollendo o premio |
| Eva González Blanco co seu premio |
Etiquetas:
Concursos,
Creación literaria
xoves, 9 de maio de 2013
Gañadoras do concurso de relato curto e poesía organizado polo Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega
Xa temos gañadoras do concurso de relato curto e poesía organizado polo Equipo de Normalización e Dinamización da Lingua Galega do IES Ramón Mª Aller Ulloa. A seguir podedes ler a acta do xurado do mesmo, así como os traballos que resultaron elixidos, acompañados duns breves e agudos comentarios das súas autoras.
Acta:
Reunido o xurado, integrado por Lara Rodríguez Peña,
Rocío Garnil Mella e Santiago Serantes
Blanco, todos os tres do Prácticum do Máster de Profesorado da USC, emite de
maneira consensual, a seguinte resolución sobre o concurso literario de relato
curto, microrrelato e poesía, convocado polo Equipo de Normalización e Dinamización
da Lingua Galega do IES Ramón Mª Aller Ulloa:
PREMIO de POESÍA para EVELYN, polos poemas Memorias do esquecemento, Son de anguria e
Metamorfose regresiva:
Que se corresponde con EVA GONZÁLEZ BLANCO de 1º de
Bacharelato B.
PREMIO de RELATO CURTO para: CONFUSED DREAMER, polo
relato O seu mellor e único amigo :
Que se corresponde con OLIMPIA ELISA RIVERA MARCOS de 2º
de ESO C.
Lalín a 30 de abril de
2013
Poemas gañadores:
Memorias do esquecemento
“Esta composición tenta
expresar o baleiro que unha persoa pode hospedar na súa alma cando a razón da
súa realidade fuxiu. Non hai motivos para saír a diante, todo ocorre lentamente
envolto na monotonía e soidade, ese alguén déixase conducir sen rumbo por rúas,
sen cavilar no seu porvir”.
Ceibou o reloxo a súa restra de badaladas
e o nono abelorio penduraba no seu interior.
Adondaba a derradeira galleta
na última cullerada de café,
no pouso da cunca.
Azucraba pouco a bebida, o doce
substituíao por edulcorante.
Apañou no cabo do sofá un xornal
de dous días atrás.
Unha gargallada escachante
racha o silencio do ambiente.
O aire da habitación recolleu o son
coma unha labazada.
Soérguese encol das escaleiras,
recordando a manifesta avidez vaidosa
satisfeita por el.
Cofeando recantos,
deixándose conducir e guiar por canles de volutas.
Memorias esquecidas entre verismos
dos cales non atenderá onte,
hoxe, mañá.
O seu sorriso vértese extenuado
polos currunchos da boca.
Relegaron á incerteza do alén
o compromiso de viable nacenza.
Son de
anguria
“O
poema expón a felicidade que comparten dous namorados así como o seu sentimento
de culpabilidade por estar vivos e xuntos cando todo ao seu redor é morte e
destrución”.
O fume fulguraba empapándoo todo,
colapsando o aire;
percorrendo os nosos alvéolos
deixando un rastro máis para a lembranza.
A aldea tiña unha banda sonora,
un baixo obstinato de estoupidos atroces,
ronsel de latexos do ceo,
ecoar de esplendor.
Resultado: soidade,
a hecatombe achégase ruxindo
entre a néboa silandeira
esparexendo veleno.
Mais o superfluo asedio
non chegaba a escurecer a nosa felicidade,
sorrisos afogados no meu peito
humedecidos por bágoas túas,
amando tanto a liberdade.
Inauditos saloucos pendurando
no compás da melodía desmesurada
ao lonxe, tan preto.
Esqueleto de ósos,
canceríxeno pasado.
Manto escuro e laso, noite,
a que nos envolve e nos garda,
que nos casa e nos fusiona.
Metamorfose
regresiva
“No
poema, o abandono marca os días, tras a noite sempre chega o día e con el os
recordos dun tempo que foi feliz. Expresa a súa xa monótona dor, é mental e é
física, sen bágoas que chorar e sempre cunha música de fondo: a da soidade”.
Evoco os versos do esquecemento,
baleiro o pensamento e
recordos non quedan xa.
O amencer chegou tras a noite.
Os raios de sol xogaron cos meus ollos
manchados de memorias bélicas.
Un rancor de gladíolos,
de semprevivas intempestivas.
Levamos connosco o peso dos días
que choveu sen ti.
O meu corazón semella
un armatoste inútil exposto ás inclemencias.
Cúbrome de anonimato veludo
admirando bicos acubillados no repouso
pensando no baleiro porvir.
Herdei a dor dun desleixo
que recobre de vermello o baleiro.
Doen as pálpebras de chorarte
con secas bágoas,
vivindo narcotizada non sinto dor xa.
No fondo do alén escóitase
unha bela e triste melodía
sen partituras e sen notas
falándome de que ti sofres
por quen por ti nada dá.
“A vida
é a miña tortura e a morte será o meu descanso.”
Romeo e Xulieta.
Eva
González Blanco (Evelyn). 1º
Bacharelato
Relato gañador:
O seu mellor e único amigo
Aquel era un día frío de xaneiro, coma moitos outros, nunha
cidade do norte de Galicia. Era luns. Só se vían polas rúas nenos indo cara a
escola, con cara de sono e desilusión. Coma todos os días lectivos, ían andando
tranquilamente un grupo de nenas. Eran Carla, María, Emma e Nerea. Catro
alumnas de 2º da ESO, polo xeral estudosas, aínda que non sempre. Nuns dez
minutos atopábanse xa entrando pola porta do instituto. O instituto, un lugar
aburrido e horrible, para algúns, mentres que un paraíso para outros. Pasean as
catro compañeiras xuntas polo corredor á vez que saúdan os distintos
compañeiros e profesores. Soa o timbre, entran na clase e sentan nos seus
pupitres. Mentres que o profesor pasa lista, algúns aproveitan para charlar e
outros intentan copiar os deberes que o profesor mandara o día anterior. Cando
o profesor remata de pasar lista, disponse a explicar a lección. Entón, María
busca o seu libro de texto na mochila, pero non o encontra. Ela supón que lle
quedou na casa. Coméntallo ao profesor e este indícalle que vaia ao armario do
fondo da clase e colla un libro de texto. María levántase e diríxese alí. Os
libros que hai no armario son todos do ano da pera... Colle un e volve sentar
no seu pupitre. O primeiro que fai é sacudir o libro, xa que está cheo de po,
mais cando o sacode, unha folla do seu interior cae ao chan. Cóllea e obsérvaa, a folla ten unha cor amarelenta,
e está bastante deteriorada. Asáltaa a curiosidade e comeza a ler un texto
escrito nela. Está escrito cunha caligrafía un tanto rara, pero inda así enténdese
bastante ben. Cando remata de lelo, queda abraiada. E entón, desexa que a clase
acabe pronto, para contarlles ás súas amigas o que acababa de ler...
O agardado timbre soa por fin anunciando o recreo. Todos
saen da clase rapidamente, excepto María. Ao ver que María non sae da clase, as
súas amigas miran cara a ela e achéganse a ver que é o que ocorre. Entón, María
comeza a contarlles o impactante texto, que atopara naquel vello libro de texto:
“Ola, chámome Breixo Arteixo.
Escribo esta nota para quen a queira ler, independentemente de quen sexa. Que
por que a escribo? Non o sei. Para que? Tampouco. Quizais, sexa para dicir
adeus. Adeus á escola, á miña vila. A todo. Non aguanto máis, dispóñome a
marchar. E como despedida, deixo enterrado, no único lugar que me aceptan, o meu
pequeno tesouro. É moi valioso. Se o encontras cóidao ben".
Todas quedan perplexas. Incrible, un tesouro! Pero... como
atopalo?
Despois
de revisar algunhas páxinas do libro, atopan pegada nunha delas unha folla
similar á outra. Desdóbrana e divisan un pequeno plano, co que supostamente se
chega ao tesouro. Este dispón dunha serie de pistas. Entón, despois de falalo,
María, Emma, Nerea e Carla acordan dedicar os recreos seguintes a atopar aquel
valioso tesouro.
Pasa o tempo. Co paso dos días, van resolvendo os
distintos enigmas, polo xeral sen palabras. Así ata que só lles queda un que se
lles resiste e di o seguinte:
"Se pronuncias o meu nome desaparezo. No lugar onde me encontro
atoparas a pista definitiva do tesouro".
Ao final, tras moito cavilar, conseguen achar a resposta.
A solución é o silencio. A partir disto chegan á conclusión de que se atopa na
biblioteca do instituto. Pero, en que parte dela? Por sorte, tras buscar nos
arquivos de préstamos de libros, ven que Breixo leu unha gran porcentaxe de
libros do gran Charles Dickens. Diríxense aos libros deste escritor e,
efectivamente, alí encontran unha pequena nota que di:
"Noraboa! Podes considerarte bastante espelido ao lograr chegar ata
aquí, non era doado! Ben, ao que iamos; o tesouro está soterrado no patio, xunto
a un carballo. Agardo que che guste!".
Saen coma foguetes a onde indica a nota. Tan desesperadas
están tras todo o esforzo que fixeron, que ata empezan a cavar coas mans. Nun
instante, conseguen sacar unha pequena caixiña. Entusiasmadas, ábrena con moita
ilusión. Para sorpresa súa, dentro hai unha pequena bolsa, e no seu interior
unha especie de colección de colares e fotos dun can, moi bonito por certo. Tamén
acompañados, como era de esperar, por unha nota, que contiña o seguinte:
"Algunha vez alguén lerá isto? Quen sabe, pero por se acaso, aí vai.
Pode que este non sexa o tesouro que esperabades. Pero para min isto é moito
máis valioso que calquera outra cousa. Sinto a desilusión. Mais cómpre que
coidedes ben o meu pequeno tesouro, espero que alguén saiba valoralo como eu
creo que se merece".
Uns días máis tarde do acontecido, navegando por
internet, atopan algo que lles chama a atención. É unha foto un tanto antiga
dun cartel, que tivera unha notoria difusión no seu tempo. Dicía:
"Breixo Arteixo, estudante de 14 anos de 2º ESO. Louro, de ollos azuis
e miudiño. É listo, e moi bo estudante. Sufría acoso escolar dos seus
compañeiros, debido aos seus altos coñecementos. Rogamos que se alguén o ve ou
o atopa, que se poña en contacto co número 634521887
DESAPARECIDO dende a pasada semana, xusto un día despois de morrer o seu
can, o seu mellor e único amigo”.
Olimpia
Elisa Rivera Marcos (Confused Dreamer). 2º ESO
“O relato baséase en experiencias persoais ou naquelas
que producen desagrado. A morte dun can de noso, que lle produciu a miña irmá
un forte desgusto ou o feito da discriminación, que leva o protagonista a ter
como único amigo precisamente a un can, serve de pretexto para argumentar
arredor do acoso escolar, algo insufrible, pois non é lóxico nin xusto o feito
de discriminar a compañeiros polo feito de estudar, ter unha forma de pensar
diferente... Tamén é certo que, desde pequenos, debemos valorar como verdadeiros
tesouros aquelas cousas que non se parecen para nada aos tesouros dos contos e
das películas, por así dicilo. Certo é que un tesouro non ten porque ser un ben
material, pode ser calquera elemento que nos faga felices. Por outro lado, as
doses de intriga tentan enlear o lector no misterio do relato”.
Olimpia
Elisa Rivera Marcos. 2º ESO
Etiquetas:
Concursos,
Creación literaria
martes, 7 de maio de 2013
A xente do IES Ramón Mª Aller Ulloa co Correlingua 2013
O noso centro súmase ao lema do Correlingua 2013, O galego a chave do mundo, enviando unha potente representación a Silleda para reafirmármonos no amor pola lingua galega.
Podedes consultar na web http://www.correlingua.org/ os pormenores do evento.
Podedes consultar na web http://www.correlingua.org/ os pormenores do evento.
luns, 6 de maio de 2013
Anquanto la lhéngua fur cantada...
...este
pobo nun se muorre.
Esa
é a vontade do documental de João Botelho.
O
idioma é a lhéngua mirandesa, a paisaxe é o planalto mirandés, o
acordeón é o de Gabriel Gomes (ex-Madredeus) e a voz clara é a de
Catarina Wallenstein.
Claro
e limpo é tamén o "prólogo" do filme. Paga a pena
demorarse no eloxio do bilingüismo que nel se fai. Paga a pena
reflexionar sobre como as "bocas sucias" son capaces de
manchar calquera palabra e como abonda unha voz limpa para
devolverlle o brillo e o sentido.
Antes de velo, podedes ler a presentación do propio João Botelho:
Antes de velo, podedes ler a presentación do propio João Botelho:
"Anquanto La Lhéngua Fur Cantada, este pobo nun se muorre. Lhembra se me, de you nino, de “remanses” cantados de puorta an puorta por ua tie cun boç de “falsete”, acumpanhada por un tiu de armónico, que ganhában la bida a bender cuontas ampremidas an papelicos de quelores. L Praino Mirandés, único an lhéngua i rico an giente, giografie i tradiçones que bénen de l ampeço de ls tiempos, ten ua riqueza musical sien acumparança. Porque nó atrabessá-lo cun la Catarina Wallenstein, c’un rostro de “Madona”, que canta cumo naide, acumpanhada pul stroudinairo armónico de Gabriel Gomes, cun cara de anjo, i atrás l burro “Atanor” de pelo grande i aburmelhado, purfeito eisemplar de l burro mirandés? Hai algue cousa mais quemuobiente do que la polifonie de ls cantadores de Almas de Sendim? Nunye berdade senhor Giacometti? L miu amigo Dr. Amadeu Ferreira quedará cuntento i cun el todos ls mirandeses a quien le dedico este pequeinho cinema.”
venres, 5 de abril de 2013
Festa da diversidade lingüística: Anirmau'13
O próximo luns celebrarase a sesión de apertura do Anirmau'13. Anirmau, o noso festival de cine de animación, chega á súa terceira edición "oficial". Antes organizaramos un par de edicións "domésticas".
Este ano dedícase por primeira vez ás longametraxes.
Anirmau proporciónanos moitas, moitas cousas. Algunhas non estaban previstas, outras -inicialmente contempladas como secundarias- adquiriron un carácter central. Entre as súas achegas, e desde logo non son as menores, están as lingüísticas:
- Todas as películas son proxectadas no seu idioma orixinal
- Todas as películas son subtituladas en galego.
A segunda cuestión responde a unha necesidade comunicativa, pero tamén a un compromiso explícito co idioma. Resulta laborioso, pero reconfortante.
Ao longo deste anos pasaron polo Anirmau centos de filmes dos cinco continentes, subtitulamos todos os falados e iso significa que, posiblemente, estamos ante a maior iniciativa normalizadora, completamente altruísta, neste ámbito. E como ninguén nolo di, dicímolo nós... ou que demo!
Subscribirse a:
Publicacións (Atom)




